A Cámara de Comercio de Santiago e RedEmprendia traballarán para crear unha rede de emprendedores universitarios españois e latinoamericanos a través das Cámaras de Comercio de España no exterior

redemprendiaIntercambiaranse experiencias emprendedoras e sinerxias de traballo

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa) e RedEmprendia reuníronse hoxe para establecer colaboracións futuras sobre accións de emprendemento. Ao acto asistiron o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, o titular de RedEmprendia, Senén Barro, o director da Fundación Incyde, Javier Collado, a coordinadora da área académica de RedEmprendia, Loreto Fernández, e o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros.

 

 

No encontro, Jesús Asorey trasladou ao presidente de RedEmprendia a necesidade dunha colaboración entre ambas entidades en materia de emprendemento, aproveitando a experiencia e as infraestruturas dispoñibles. Asorey destacou o papel da Cámara de Comercio de Santiago en asesoramento na creación de empresas e a posición actual da incubadora cameral, que mantén unha taxa de supervivencia empresarial do 78 por cento.

Destacando a calidade do emprendemento liderado pola Cámara de Comercio de Santigo, Javier Collado indicou que a entidade compostelá debe apoiar ao xove emprendedor universitario que quere ubicarse no continente latinoamericano para crear a súa empresa. Mediante a experiencia que a Cámara de Comercio de Santiago adquiriu en emprendemento coa creación do seu viveiro de empresas, Javier Collado apuntou que se debe axudar aos novos emprendedores fóra de España.

Por outra parte, Collado aposta pola creación dunha rede de xoves emprendedores españois e latinoamericanos para o intercambio de experiencias emprendedoras e sinerxias de traballo. Esta vinculación poderá establecerse a través das Cámaras de Comercio de España no exterior, que axudarán tamén a inculcar a experiencia española na creación de viveiros de empresas, facilitando información do seu funcionamento.

Pola súa parte, Senén Barro salientou o obxectivo principal de RedEmprendia, apoiar o emprendemento universitario baseado na investigación e no coñecemento tecnolóxico, a través dunha rede internacional composta por universidades de sete países (España, Portugal, Arxentina, Chile, Brasil, México e Colombia). Nesta liña, a Cámara de Comercio de Santiago ofrece a súa experiencia no eido da transferencia de coñecemento entre empresas e centros tecnolóxicos como as universidades, coñecido como Feira do Coñecemento.

Ademais, Senén Barro explicou que RedEmprendia desenvolve dous programas de fomento do emprendemento cos bos resultados. O primeiro deles é Hospedaje, que apoia a instalación de empresas en incubadoras de universidades da rede, facilitando a internacionalización de microempresas. O segundo Nuevos Emprendedores: Aprendiendo a Emprender, un programa que promove o intercambio de experiencias, aprendizaxe intercultural, formación e contactos internacionais entre emprendedores que queren transformar o seu proxecto empresarial en empresa mediante a realización de estancias formativas en empresas xa consolidadas durante un período de 2 ou 3 meses.

RedEmprendia é unha rede de universidades que promove a innovación e o emprendemento responsables, cun compromiso co crecemento económico, respecto ao medioambiente e a mellora da calidade de vida, en liña cos centros universitarios máis relevantes do espazo iberoamericano. Co apoio do banco Santander e Universia, Red Emprendia pretende que a transferencia do coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento sexan os eixes de actuación estratéxicos do Sistema Iberoamericano do Coñecemento, co obxecto de converterse nun axente universidade-empresa-sociedade de primeira magnitude e un elemento acelerador das políticas e accións destinadas a obter a maior rendabilidade social, económica e cultural.