O Botafumeiro funcionará todos os venres na Catedral de Santiago

BotafumeiroÉ posible grazas á colaboración da Cámara de Comercio de Santiago, unha iniciativa na que tamén participan o Concello de Santiago e a Asociación de Empresarios de Hostelería

A Cámara de Comercio de Santiago colabora coa Catedral de Santiago, xunto co Concello de Santiago e a Asociación de Empresarios de Hostelería, para permitir o funcionamento do Botafumeiro todas as semanas. Será os venres, na misa das 19:30 horas. Ademais, seguirá funcionando nas solemnidades habituais e nos casos nos que se solicite previamente.

Esta iniciativa enmárcase no proceso de colaboración aberto durante os últimos meses entre a Catedral de Santiago e as distintas asociacións e colectivos profesionais da cidade, para dar a coñecer os novos planos de xestión da basílica e poñer en marcha iniciativas de dinamización. Nesta ocasión, coa axuda da Cámara de Comercio, un dos símbolos da Catedral, o Botafumeiro, funcionará periodicamente e poderase difundir a súa imaxe entre os veciños e vistantes.

O botafumeiro é un dos símbolos máis coñecidos e populares da Catedral de Santiago, que suscita un grande interese entre todos os devotos e visitantes do templo. É un incensario de grandes dimensións que oscila pola nave lateral da Catedral mediante un sistema de poleas tiradas por oito homes, chamados tiraboleiros. O botafumeiro pesa 53 quilos e ten un tamaño dun metro e medio de altura, polo que consigue elevarse 20 metros e pode chegar a alcanzar unha velocidade de 70 quilómetros por hora.

Segundo a tradición, o uso do incensario na Catedral comezou no século XI. Ao longo da historia houbo varios botafumeiros; actualmente hai dous exemplares, un en latón que data de 1851 e é obra de José Losada, substituíu ao roubado durante a ocupación francesa e é o que se utiliza habitualmente. O segundo Botafumeiro é unha réplica en prata do anterior e foi regalado ao Apóstolo polos Alféreces Provisionais en 1971.