O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago ofrece o luns unha sesión gratuíta sobre o proxecto europeo Eco Innova

ecoinnovaEsta plataforma axuda a crear ecosistemas empresariais a través da innovación e a internacionalización  das pemes dentro do marco ambiental

A incubadora de Costa Vella impartirá o próximo mércores-17 un seminario sobre motivación profesional

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa, 40) presentará o vindeiro luns, 15 de abril, o proxecto gratuíto Eco Innova: unha ferramenta para a empresa, deseñado en colaboración coa Fundación Galicia Europa. O evento desenvolverase entre as 11:00 e as 13:00 horas e contará coa asistencia do director da Fundación Galicia Europa, Jesús Mª Gamallo, e o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey. O seminario estará impartido pola representante da Fundación Galicia Europa, Pilar del Oro Saéz, e o experto externo Jose Francisco Vaamonde.

Eco Innova é un proxecto europeo transnacional, aprobado ao amparo do programa Interreg IV B- Espacio Atlántico 2007-2013 (enmarcado no eixo 1 “Promover o espírito empresarial a escala transnacional e as redes de innovación” do obxectivo 1.3 “Estimular a conversión e a diversificación económica promovendo o potencial rexional endóxeno”.

Eco Innova pretende crear ecosistemas empresariais a través da innovación e favorecer a internacionalización das pemes dentro do marco ambiental. No seminario, Jose Francisco Vaamonde presentará  a ferramenta ToolBox, que ten como finalidade facilitar a eco-innovación e o eco-emprendemento. Esta ferramenta servirá como punto de confluencia entre empresas, emprendedores e profesionais que teñan como perspectiva laboral a eco-innovación. As novas ideas e proxectos poderán ser expostas na ferramenta, facilitando mecanismos para a cooperación empresarial e a integración laboral.

Reorientación laboral

Por outra parte, a Cámara de Comercio de Santiago organiza o próximo mércores, 17 de abril, un seminario de Motivación e reenfoque profesional. Esta xornada, que se celebrará entre as 10:00 e as 14:00 horas no viveiro de Costa Vella, estará impartida pola coach certificada, experta en talento e reorientación laboral, Aïnhoa Mallo, que achegará aos participantes as ferramentas orientadas a mellorar as súas habilidades e enfocada para conseguir os seus obxectivos empresariais, evitando os bloqueos, as autocríticas ou as influenzas externas. O curso está especialmente dirixido a persoas en situación de desemprego ou con desexos de reorientar a súa carreira profesional.

Segundo a experta, unha situación económica e social como a actual require dunha elevada dose de motivación, que en moitos casos precisa tamén dunha reorientación da carreira profesional. Neste punto, a xornada abordará os factores clave dun cambio de actitude, a fixación de obxectivos para alcanzar a meta profesional soñada e os pasos a seguir para reenfocarse laboralmente con éxito.