Un grupo de vintecinco empresas culturais realizarán un curso de emprendemento organizado pola Cámara de Comercio de Santiago e a Cidade da Culturac

cdcImpartirase ata o 31 de maio no Gaiás

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia inauguraron hoxe o Programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas, que se impartirá de forma gratuíta no Gaiás ata o 31 de maio. Ao acto de presentación asistiron o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e o director da Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa), Javier Collado, ademais dos alumnos do curso. Esta acción formativa está cofinanciada pola Fundación da Cidade da Cultura de Galicia e o Fondo Social Europeo.

Jesús Asorey destacou a importancia desta acción formativa como “complemento necesario para un empresario” que queira poñer en marcha un proxecto cultural, adquirindo coñecemento de márketing, fiscais ou empresarias. “O sector cultural, aínda que non está moi valorado, representa un 5 por cento do PIB español” –indicou o presidente da Cámara–.

Beatriz González salientou o apoio incondicional da Cidade da Cultura ao sector cultural “estratéxico e prioritario”. Para a Cidade da Cultura, o apoio a emprendedores, especialmente aqueles que contan cunha vertente creativa e innovadora no sector cultural e das artes, é un eixe prioritario e así o establece o seu proxecto estratéxico: o Plan Gaiás 2012-2018. Beatriz González puxo como exemplo o espazo de coworking “Emprende Cultura Gaiás”, posto en marcha a principio de ano no complexo e co que se pretende abrir as portas do Gaiás aos emprendedores e contribuír a desenvolver o potencial dos seus proxectos e iniciativas.

Pola súa parte, Javier Collado mostrou a necesidade de apoiar o nacemento de empresas culturais con este tipo de programas, tal e como ocorre en países do norte de Europa onde as empresas culturais levan anos medrando e incrementando a súa presenza.

Fomento emprendedor de proxectos culturais

O curso, que se desenvolverá en 320 horas, contará coa participarán de 25 proxectos. Está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos sectores como a arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño, e a emprendedores que conten cun proxecto cultural definido.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este curso para tratar de satisfacer a crecente demanda deste tipo de pequenas empresas culturais cun enfoque altamente creativo e novos modelos de financiamento e xestión “novidosos e máis eficientes” para actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais.

Jesús Asorey explicou que os emprendedores no campo cultural deben coñecer as “ferramentas de xestión empresarial adaptadas aos novos retos protagonizados pola cultura actual”, tanto no sector produtivo privado das industrias culturais como nos diferentes campos nos que actúan as entidades non lucrativas, as asociacións de profesionais da cultura, as entidades de xestión de dereitos e as administracións públicas. “Con esforzo e dedicación alcanzaredes os vosos obxectivos” –explicou Asorey–.

No transcurso do curso, os seus titores tentarán asesorar de forma individualizada a cada un dos participantes, ofrecéndolles os instrumentos empresarias necesarios para deseñar e dirixir os seus proxectos culturais, fomentando o uso de novas tecnoloxías, tanto en sectores artísticos tradicionais como nos novos espazos de ocio creativo: cine de animación, publicidade, comunicación, páxinas web ou videoxogos.

A metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, para o que os participantes elaborarán unha presentacón do Business Plan dun proxecto empresarial. Durante as oito semanas do curso, os titores expoñerán os contidos dos módulos formativos que versarán sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.