A Cámara de Comercio de Santiago e Banco Sabadell programan unha xornada sobre a exportación de éxito para todo tipo de empresas

comercio_exteriorCelebrarase o próximo xoves, 11 de abril, a partir das 9:30 horas no salón cameral

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e Banco Sabadell organizan unhas xornadas técnicas sobre emprendemento e internacionalización destinadas a empresas, emprendedores e público en xeral interesado na materia. Estas xornadas celebraranse a partir da próxima semana, o xoves-11, cunha sesión titulada “As claves dunha operación 10: negociar, contratar, exportar e cobrar”, que estará impartida polo director territorial de Comercio Exterior de Banco Sabadell, Javier Balbín, en horario de 9:30 a 12:00 horas no salón de actos da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44- baixo).

No transcurso do programa, de dúas horas e media de duración, Javier Balbín exporá os aspectos máis importantes que as empresas deben ter en conta nunha negociación típica de calquera oportunidade de negocio, comezando polo proceso negociador, a contratación, os medios de pago e cobro, ademais de como resolver posibles problemas durante a exportación. “Non hai venda sen cobro, que se fragua durante a negociación entre as partes” –explica Balbín–.

O relator da xornada indica que este taller serve para calquera empresa, aínda que non participe do comercio exterior, dado que as operacións internacionais son similares ás domésticas e o “obxectivo é sempre común: cobrar”. En canto aos riscos da exportación, Javier Balbín falará sobre os perigos de carácter comercial relacionados coa cancelación unilateral de contrato, o impago, a entrega ou as posibles desavenencias pola calidade ou o pago. Outras inseguridades que se analizarán na xornada serán os riscos vinculados ao país como os problemas de transferencias pola incapacidade para atender o pago ou as medidas legais que o imposibilitan. Existen outros riscos extraordinarios e catastróficos que poden acontecer en medio do proceso comercial, ademais dos perigos no transporte e con posibles fraudes. Javier Balbín explicará estes perigos do comercio exterior a través de exemplos prácticos.