Unha misión comercial a Alxeria será o obxectivo exterior de seis empresas galegas dos sectores da pedra natural, madeira, téxtil, conservas de pescado e sistemas de refrigeración

argelia_2A Cámara de Comercio de Santiago programa esta acción para os próximos días no marco do Plan Foexga

Loly Villoch, técnico de internacionalización da Cámara de Comercio de Santiago:

“A economía alxerina é moi aberta, con gran potencial de crecemento e numerosos plans de modernización e mellora en todos os sectores”

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela organiza os próximos días (7-11 de abril) unha misión comercial directa a Alxeria, ás cidades de Orán e Alxer, na que participarán seis empresas galegas dos sectores da pedra natural, madeira, téxtil, conservas de pescado e sistemas de refrigeración, acompañadas pola técnico de internacionalización da Cámara de Comercio de Santiago, Loly Villoch. Esta acción de internacionalización enmárcase no Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinada pola Xunta de Galicia coa participación de todas as Cámaras galegas a través de Fondos Feder.

O mercado alxerino, de 36,4 millóns de habitantes e con enormes recursos naturais propios, presenta un crecemento das importacións constante nos últimos anos. Perfílase como o mercado emerxente e de gran potencial máis próximo a España, a tan só 200 quilómetros da fronteira española. Segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), estímase un crecemento do 3,38 por cento do PIB no mercado alxerino, actualmente o segundo país da rexión do Norte de África, en termos de PIB per cápita, detrás de Tunisia. Segundo explica Loly Villoch, a economía alxerina é moi aberta, con gran potencial de crecemento e con numerosos plans de modernización e mellora en practicamente todos os sectores, “o que se traduce en numerosas oportunidades de negocio para os exportadores galegos que deben desprazarse ata o país para establecer relacións comerciais con posibles clientes que valoran as relacións persoais á hora de facer negocios”, –destaca Villoch–.

España foi o cuarto suministrador de Alxeria en 2012. Os sectores con maior potencial de demanda foron a enerxía, produtos farmacéuticos, materiais e equipos para a construción, bens de equipo, automoción e compoñentes, equipos e material para o sector pesquero, equipamentos e material agrícola, regadíos, equipos para fluídos e tratamento de augas e maquinaria e instalacións industriais. O sector da alimentación tamén rexistrou grandes volumes de importacións.

Pola súa parte, o sector da construción benefíciase dun ambicioso programa de crecemento deseñado polo Goberno local, que prevé a construción de vivendas, grandes infraestruturas, servizos e reforma de áreas urbanas, que propiciou un incremento de oportunidades comerciais para as empresas relacionadas coa edificación. “Alxeria é un mercado no que España ten unha boa imaxe, de calidade, asociada positivamente con Europa. Un elemento favorable da mentalidade arxelina é que xeralmente prefírese pagar un pouco máis e ter o mellor produto, en vez de adquirir produtos de peor calidade, o que favorece ás nosas empresas fronte á competencia chinesa” – indica a representante cameral–.

Alxeria  ten a consideración de país prioritario nas relacións internacionais de España pola súa importancia xeopolítica, proximidade xeográfica e papel fundamental na estratexia enerxética de España. Na actualidade, a cooperación hispano-arxelina estase reforzando, como demostra a IV Reunión de Alto Nivel (RAN) entre España e Alxeria, que se celebrou o pasado mes de xaneiro en Alxer e onde se firmaron varios memorandos de cooperación nos sectores industrial, enerxético, deporte, cultura e turismo.