A Cámara de Comercio de Santiago ofrece catro cursos de inglés empresarial, visitas comercias, xestión de recursos humanos e fiscalidade en comercio exterior a empresas e desempregados

cursoInauguraranse o próximo luns, 8 de abril

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela inaugurará a próxima semana catro cursos formativos nas súas aulas de formación (rúa San Pedro de Mezonzo, 37­- baixo), dirixidos a directivos e empregados de empresas da área cameral de Compostela que poderán beneficiarse de descontos de ata o 30 por cento, ao igual que as persoas en desemprego dispostas a actualizar a súa formación empresarial.

O primeiro dos cursos que organiza a Cámara de Comercio de Santiago é sobre inglés empresarial: cartas comerciais, conversación telefónica e atención ao público. Esta actividade de formación en idiomas impartirase desde o próximo luns-8 ata o 23 de abril nas instalacións da propia entidade cameral. O curso, que terá unha duración total de 20 horas, desenvolverase en horario de 20:00 a 22:00 horas.

Este curso ten por obxecto formar aos alumnos para que sexan capaces de comprender e producir oralmente mensaxes telefónicas ou cara a cara en inglés con nativos de países de fala anglosaxona e outros estranxeiros con inglés como idioma común nun ámbito laboral e comercial. A actividade formativa capacitará aos  alumnos para que poidan recibir unha chamada telefónica, concertar ou cambiar unha cita ou reunión de traballo, desviar a chamada, recoller mensaxes, facilitar datos da empresa, ofrecer produtos ou servizos, poñer en práctica técnicas de negociación ou manter unha conversa sobre temas xerais.

Os alumnos poñerán en práctica estes conceptos a través de simulacións sucesivas de chamadas de teléfono, exercicios de role-play onde os alumnos, en grupos de dúas ou tres persoas, formarán parte de simulacións telefónicas para aceptar, rexeitar ou desviar as chamadas con contido comercial, así como explicar asuntos relacionados coa empresa, o produto ou servizo. Ademais, os asistentes ao curso participarán en simulacións de negociación en grupos reducidos para alcanzar un acordo de colaboración.

Preparación previa dunha visita comercial

Nesta liña das relacións comerciais entre empresas, a Cámara de Comercio de Santiago organiza a partir do próximo luns, 8 de abril, un curso sobre a preparación de visitas comerciais. Esta actividade impartirase ata o vindeiro 23 de abril nas instalacións da entidade cameral. O curso, que terá unha duración de 20 horas, desenvolverase en horario de 20:00 a 22:00 horas.

Esta acción formativa está dirixida a comerciais, xefes de venda, directores comerciais e en xeral, a calquera persoa que teña inquietude e ganas de aprender e mellorar as súas habilidades para a venda. Ao finalizar o curso, os participantes serán capaces de reflexionar sobre a necesidade de realizar unha boa preparación previa de todas as fases que compoñenen a venda, e identificar as etapas do proceso de venda para ver que é necesario preparar. Tralo curso, os asistentes comprobarán a efectividade da preparación dunha visita comercial como “ferramenta de éxito de venda”, averiguando as necesidades do cliente, cunha correta argumentación sobre o produto e o prezo.

O mesmo luns, 8 de abril, a Cámara de Comercio de Santiago organiza un curso práctico sobre Excel aplicado á xestión dos recursos humanos nas organizacións, de 16 horas de duración. Celebrarase ata o 18 de abril, en horario de 20:00 a 22:00 horas. O curso parte de nivel cero e está dirixido a calquera persoa que por motivos de traballo ou curiosidade esté interesada en coñecer o programa Excel e saber usar as ferramentas actuais para a elaboración de follas de cálculo de temática de recursos humanos.

Os obxectivos deste curso son administrar información de forma eficiente para a toma de decisións estratéxicas en relación aos recursos humanos, adquirir os coñecementos necesarios para compoñer fórmulas variadas, elaborar informes de calidade rapidamente, con táboas, diagramas e gráficos dinámicos.

Este curso está dirixido a persoas interesadas no tema e para que os profesionais de recursos humanos saquen o máximo proveito á ferramenta ofimática da folla de cálculo Excel para optimizar e axilizar o seu traballo, xestionar de maneira profesional as súas bases de datos e realizar informes e consultas interactivas.

Finalmente, a Cámara de Comercio inaugurará un curso, de 24 horas de duración, sobre fiscalidade en comercio exterior, que se impartirá ata o 16 de abril en horario de 18:00 a 22:00 horas. O programa do curso centrarase na aduana en comercio exterior, o IVE nas operacións internacionais e a fiscalidade nos investimentos no exterior.