A Cámara de Comercio de Santiago recibe este ano na incubadora empresarial a sete novas firmas, xuntando 32 proxectos

vivero1Un 78% das empresas creadas no viveiro de Costa Vella sobreviven

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella, rúa República Checa, 40) comeza o ano recibindo a sete empresas nas súas instalacións. Con estas novas inclusións, o viveiro de Costa Vella alberga na actualidade a 12 empresas con ubicación física e 20 firmas que reciben servizos de maneira virtual.

Desde a creación desta incubadora empresarial en 2006 pasaron polo viveiro un total de 105 empresas. O correto funcionamento deste viveiro de empresas e a calidade do seu emprendemento manifestase cunha taxa de supervivencia empresarial do 78%. Nunha época adversa para a economía, a filosofía do emprendemento cobra máis relevancia que nunca. “As pemes contribúen cun alto porcentaxe á forza laboral e económica dun país, polo que son necesarias políticas activas de apoio ao emprendemento como motor do progreso económico e social” –indicou a responsable do viveiro de empresas, Rosa Cardeso–.

No viveiro de Costa Vella, os emprendedores van da man da Cámara de Comercio de Santiago, que os acompaña en todas as fases do proceso emprendedor, prestándolles servizos de formación e asesoramento adaptados a cada ciclo de vida da peme e en aquelas áreas especialmente relevantes para a cimentación do proxecto, as novas tecnoloxías, márketing, internacionalización, innovación e xestión empresarial.

Servizos psicolóxicos e de consultoría de comunicación

A emprendedora Ana B. Taboada arrinca un proxecto de atención psicolóxica coa intención de axudar con intervencións psicolóxicas no ámbito infanto-xuvenil e en discapacidade intelectual, realizando un traballo “codo a codo” coas familias e ofrecendo asesoramento. Ana B. Taboada. Atención Psicológica está instalada no viveiro de Costa Vella nun dos módulos ou oficinas do propio edificio.

No caso das intervención con menores, a psicóloga trata a nenos e nenas con problemas de conducta, dificultades de aprendizaxe en lectoescritura, cálculo ou déficit de atención, ademais de tratar medos ou ansiedade.

Con persoas que padezan discapacidade intelectual, Ana B. Taboada ofrece apoio para mellorar as súas habilidades sociais ou axunda na resolución de conflitos o problemas de conducta, co obxectivo de que se integren no seu contorno. Trata a persoas con trastorno con déficit de atención e hiperactividade (Tdah), síndrome de Down, enfermidades mentais ou síndrome de Asperger.

Pola súa parte, Innovación_Sostenible, liderada por Tamara Rodríguez, comeza o seu percorrido polo emprendemento desde a fase de proxecto. Esta iniciativa dedicará esforzos á consultoría de comunicación empresarial, responsabilidade social corporativa e innovación empresarial, dirixida a entidades privadas, asociacións ou outros organismos. Para constituír a empresa, Tamara Rodríguez asistirá a partir do 15 de abril a un curso formativo no viveiro de empresas de Costa Vella, co obxectivo de creala a finais de xuño e comezar a captar clientes.