A Cámara de Comercio de Santiago organiza a visita ás feira internacionais de pel e curtido de China para oito empresas de Santiago e Ourense

feriachinaAs firmas galegas do sector multiplicaron por sete as súas exportacións ao país asiático nos últimos tres anos, facturando 3,6 millóns de euros

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela participa nos próximos días (23-28 de marzo) nas feiras internacionais Hong Kong APLF. Fashion Access e MM&T sobre produtos de curtido do coiro e pel confeccionada que se celebrarán na cidade de Hong Kong, no Hong Kong Convention & Exhibition Centre por primeira coincidindo en datas nun único encontro empresarial.

Participarán oito empresas galegas de Santiago e Ourense do sector da curtidoría. Esta acción enmárcase no Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinada pola Xunta de Galicia coa participación de todas as Cámaras galegas a través de Fondos Feder.

Esta viaxe inclúe a visita a dúas feiras internacionais, a PLF Materials Manufacturing & Technology (MM&T), onde se exporán as novidades de produtos de coiro terminado e semiterminado, pel e curtidos, maquinaria e tecnoloxía do calzado. A segunda cita feiral será a APLF Fashion Access, especializada en pel confeccionada de bolsos, complementos, calzado, maquinaria e produtos de coiro pequenos e maletas. A delegación galega, encabezada polo técnico de internacionalización da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Pérez-Soba, visitará as cidades de Hong Kong, Cantón e Quingdao onde manterán contactos con axentes locais.

As firmas galegas asistentes pretenden consolidar a subida espectacular nas exportacións dos seus curtidos a China, que se multiplicou por sete nos tres últimos anos, alcanzando a cifra de 3,6 millóns de euros. “A pel curtida galega está sendo un auténtico valor en alza pola súa excelente calidade, moi apreciada entre os grandes países fabricantes de zapatos, bolsos e confección” – explica Fernando Pérez-Soba–.