A Antena de Boiro da Cámara de Comercio informa aos empresarios do Barbanza sobre as modalidades e os incentivos para a contratación de persoal

contratacionA xornada impartirase o próximo martes na Tenda Escola do Deán da Pobra do Caramiñal

A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organiza o próximo martes 26 de marzo, en colaboración coa Asociación do Pequeno Comercio da Pobra, unha xornada gratuíta sobre as modalidades de contratación e incentivos. A xornada estará impartida por Ana Barreiro e Begoña Costa, da empresa C&B Asociados, na Tenda Escola Deán (rúa Rafael Calleja, 11-13), entre as 21:00 e as 22:30 horas.

Durante a xornada repasaranse todas as modalidades de contratos vixentes actualmente, resaltando aqueles que teñan algún tipo de bonificación ou incentivo fiscal. Entre estes últimos atópanse as bonificacións aprobadas polo  Real Decreto 4/2013 de 22 de febreiro de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego, que incentiva a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos, así como a contratación de maiores de 45 por novos emprendedores.

Estas axudas ou incentivos permiten o financiamento de contratos, tanto indefinidos como temporais. As axudas tamén facilitan a apertura de novas vías de colocación para as novas modalidades de formación e inserción de profesionais a través de prácticas non laborais en empresas.