A Cámara de Comercio de Santiago inaugura en abril o programa de creación e consolidación de empresas culturais na Cidade da Cultura

culturaParticiparán un máximo de 25 proxectos empresariais relacionados coas artes e as novas tecnoloxías audiovisuais

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela inaugurará o próximo 8 de abril o programa de creación e consolidación de empresas culturais e creativas, que se impartirá de forma gratuíta na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura ata o 31 de maio. Esta acción formativa está cofinanciada pola Fundación da Cidade da Cultura de Galicia e o Fondo Social Europeo.

 

O curso, que se desenvolverá en 320 horas, contará coa participarán dun máximo de 25 proxectos. Está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos sectores como a arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño, e a emprendedores que conten cun proxecto cultural definido.

 

Nunha época na que a cultura se coverteu nun “sólido activo estratéxico de desenvolvemento social e nunha importante plataforma económica”, a Cámara de Comercio de Santiago organiza este curso para tratar de satisfacer a crecente demanda deste tipo de pequenas empresas culturais cun enfoque altamente creativo e novos modelos de financiamento e xestión “novidosos e máis eficientes” para actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais.

Segundo indican desde a Cámara, os emprendedores no campo cultural deben coñecer as ferramentas de xestión empresarial adaptadas aos novos retos protagonizados pola cultura actual, tanto no sector produtivo privado das industrias culturais como nos diferentes campos nos que actúan as entidades non lucrativas, as asociacións de profesionais da cultura, as entidades de xestión de dereitos e as administracións públicas.

No transcurso do curso, os seus titores tentarán asesorar de forma individualizada a cada un dos participantes, ofrecéndolles os instrumentos empresarias necesarios para deseñar e dirixir os seus proxectos culturais, fomentando o uso de novas tecnoloxías, tanto en sectores artísticos tradicionais como nos novos espazos de ocio creativo: cine de animación, publicidade, comunicación, páxinas web ou videoxogos.

A metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, para o que os participantes elaborarán unha presentacón do Business Plan dun proxecto empresarial. Durante as oito semanas do curso, os titores expoñerán os contidos dos módulos formativos que versarán sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.