A Cámara de Comercio de Santiago introduce a empresas no século XXI con servizos de cloud computing

nubeA Nube é unha ferramenta que garante redución  de custos e mellora da produtividade nas organizacións

A xornada impartirase o mércores a partir das 17:00 horas no salón de actos cameral

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela  ofrecerá o próximo mércores, 20 de marzo, unha xornada gratuíta sobre os riscos e vantaxes do cloud computing, coñecido como a Nube das organizacións. Esta xornada, enmarcada dentro do Programa Feira do Coñecemento, impartirase no salón de actos cameral a partir das 17:00 horas a cargo de Juan Carlos Hidalgo e Juan Pablo Plaza, executivos e socios da empresa smartcloud. A xornada será eminentemente práctica e ofrecerase unha demo en directo sobre aplicación prácticas do cloud para as pemes, para que os asistentes teñan unha idea clara dos beneficios e riscos asociados a un salto ao cloud computing.

O principal obxectivo deste seminario é que as empresas participantes coñezan os riscos e  aproveiten as vantaxes do cloud computing, da man de Google e Smartcloud. O cloud computing é unha nova maneira de entender e explotar os servizos TI (Tecnoloxías da Información). A asunción das solucións que aporta o cloud redundan nunha serie de beneficios fundamentais para as empresas: redución de custes directos, mellora da produtividade dos empregados e profesionais, e axuda ás empresas a converterse de xeito sinxelo e eficiente en entidades do século XXI. “O cloud computing establece un cambio técnico e permite a escalabilidade técnica e a eliminación dos procesos de actualización” –apunta Juan Carlos Hidalgo–.

As aplicacións comerciais tradicionais foron sempre complicadas e caras, posto que precisan dunha gran cantidade e variedade de hardware e software, ademais da axuda de expertos na súa instalación, configuración e mantemento. O técnico de Innovación da Cámara de Comercio de Santiago, Anselmo Díaz, explica que aparentemente e grazas ao cloud computing as empresas poden esquecerse desas complicacións trasladando a responsabilidade da xestión técnica a un provedor experimentado que traballa a distancia.

“A infraestrutura compartida fai que funcione como unha utilidade. Só pagamos polo que necesitamos, as actualizacións son automáticas e a ampliación ou redución do servizo comprende un proceso sinxelo. As aplicacións baseadas na Nube poden implementarse e executarse en cuestión de horas e custan menos. Cunha aplicación da Nube, só hai que abrir un explorador, rexistrarse, personalizar a aplicación e empezar a usala” –salienta Anselmo Díaz–.

Por outro lado, o técnico da Cámara destaca que non se debe olvidar a mobilidade que aporta a Nube, accedendo a aplicacións e a datos desde calquera lugar coa única condición de posuír acceso a Internet. Como crítica, moitos expertos indican que o cloud computing provoca unha perda de liberdade para a empresa que pasa a depender dun provedor deixando a privacidade e os datos persoais en mans de terceiros.

Esta xornada forma parte do Programa Innovación e Transferencia do Coñecemento – Feira do Coñecemento –, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e as Cámaras de Comercio. A Feira do Coñecemento focalízase nun dos retos clave para a economía española, desenvolver unha dinámica de innovación estratéxica para as pemes que fundamente unha competitividade máis sólida e un crecemento máis sostible, servíndose dun modelo de transferencia orientado a resultados, pensado para a especificidade da pequena e mediana empresa española.