A Cámara de Comercio de Santiago impartirá 57 accións formativas neste primeiro semestre do ano

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela presenta a súa programación de cursos para o primeiro semestre deste ano que darán comezo o próximo luns-1 de febreiro. Un total de 57 actividades, entre xornadas, seminarios e cursos, conforman a programación para estes seis meses de 2010.

O obxectivo prioritario destes cursos é contribuír a elevar o nivel profesional do empresario e os seus colaboradores nos distintos campos do negocio e mellorar a capacidade profesional do empregado ou daquelas persoas que queiran incorporarse ao mundo laboral. Non é necesaria titulación para asistir a estes cursos, pero si certos coñecementos básicos para poder seguilos con eficacia. Aos alumnos que superen positivamente os cursos, asistindo como mínimo ao 80% das clases, outorgaráselles un diploma ou certificado.

 

Os cursos propoñen unha variada e interesante oferta de temas:

-          Informática e novas tecnoloxías

-          Persoal e Recursos humanos

-          Comercio e distribución

-          Contabilidade e fiscalidade

-          Comercio Internacional

-          Idiomas

-          Outras xornadas en colaboración con organismos e institucións

-          Teleformación

En canto a xornadas e charlas sobresae unha sobre os vendedores de alto rendemento, outra sobre a nova Lei de prevención de blanqueo de capitais e da financiación do terrorimo, e unha terceira xornada sobre como actuar desde a dirección da empresa familiar en tempos de crise. En colaboración co IGAPE-BIC Galicia, a Cámara oferta dous seminarios: motivación emprendedora “Como ser un bo emprendedor” e xeración, maduración e avaliación de ideas empresariais. “Novas ideas para a creación de empresas: como pasar da idea a un negocio”. En colaboración coa Fundación INCYDE, a Cámara celebrará no viveiro de empresas tres programas formativos, dous sobre a creación e consolidación de empresas e un terceiro sobre o plan de mellora para o comercio minorista.

As inscripcións pódense formalizar ata tres días antes do inicio do curso, sempre e cando existan prazas, xa que son limitadas. As cancelacións que se realicen antes de 5 días do comezo de cada curso ou seminario serán reembolsadas. [As datas e horarios, de carácter orientativo, figuran no tríptico que se xunta]. Poden dirixirse ás dependencias da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, na rúa San Pedro de Mezonzo, 44-baixo, ou a través do número de teléfono 981 59 68 00.