Expertos médicos salientan que, segundo o tipo de doenza, os pacientes dos balnearios deben someterse a unha profundidade de inmersión diferente na auga

augas_webDestacan que os establecementos balnearios posúen unha lexislación específica como centros sanitarios, o que os diferenza de talasos e spas

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o edificio docente Roberto Novoa Santos da USC acolle esta tarde unha nova sesión dirixida a futuros facultativos expertos na cura termal. A responsable de impartir esta xornada será a doutora Dolores Fernández Marcos, directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (no concello de Cenlle) e Lobios.

A doutora Fernández Marcos abordará os diferentes tipos de augas que existen e os seus diversos usos, xa sexan ou non terapéuticos, así como os efectos beneficiosos de cada unha delas sobre o organismo. Nesta liña, sinala que “as augas, segundo a súa orixe, poden aplicarse con fins curativos ou preventivos de certas doenzas, para conseguir o benestar, como unha alternativa de lecer e mesmo con propiedades estéticas”.

A doutora lembra que “a auga é boa para o organismo de maneira xeral, aínda que a potable non é terapéutica”. Así, quere poñer de manifesto “as diferenzas, non sempre ben coñecidas, que hai entre os balnearios, os centros de talasoterapia e os spas”. Indica que os spas empregan auga potable en piscinas, chorros… a unha determinada temperatura para conseguir un benestar, sen ningún fin terapéutico nin preventivo para a saúde.

Por outro lado, os centros de talasoterapia utilizan a auga do mar, tanto para lograr o benestar como para conseguir obxectivos terapéuticos. Non obstante, segundo resalta a doutora, “a auga mariña ten propiedades e aplicacións máis limitadas que as augas mineiromedicinais dos balnearios, xa que non se usa como auga de bebida”. E só de uso externo e local, é dicir, que se administra a través da pel, en forma de baños, duchas ou piscinas, entre outras opcións.

Cada balneario ten un tipo de auga exclusiva, con propiedades particulares

Pola súa parte, a doutora resalta que os balnearios están sometidos a unha lexislación específica como centros sanitarios, da que carecen tanto os talasos como os spas en España. “Usan auga mineiromedicinal, declarada de utilidade pública e con fins terapéuticos. Cada tipo de auga posúe unha composición de minerais diferente, que lle proporciona unha serie de propiedades exclusivas, cunha acción determinada sobre o organismo” -explica-.

Así, o que determina a especialización dun balneario para tratar determinadas doenzas é o tipo de auga que posúe, a temperatura á que aflora, xunto coas técnicas que emprega cada establecemento (auga de bebida, inhalacións, baños, piscinas, tanquetas…). Tamén repercute a profundidade da inmersión, que -segundo sinala a doutora- será diferente segundo se queira tratar un problema respiratorio ou do aparato circulatorio, por exemplo.

Nos balnearios traballan profesionais tan diversos como fisioterapeutas, expertos en estética hidrotermal, dietistas e ata psicólogos

Nesta liña, uns balnearios están especializados no tratamento de procesos crónicos como as bronquites crónicas, as otites recidivantes ou as farinxites alérxicas. E outros céntranse en abordar procesos reumáticos como a artrite, a artrose, o postoperatorio dunha cirurxía do aparato locomotor, problemas de tipo neurolóxico, dixestivo, dermatolóxico, circulatorio… Como centros sanitarios, os balnearios dispoñen de médicos especialistas na cura termal para atender estas doenzas e dunha serie de profesionais diversos como fisioterapeutas, masaxistas, expertos en estética hidrotermal, dietistas e ata psicólogos.