Balnearios e talasos galegos únense no proxecto Turismo Termal Familiar, unha iniciativa pioneira especializada nas familias con nenos de 3 a 12 anos

rueda_ttf_webAdemais dos circuítos termais, as familias poderán realizar actividades fóra dos establecementos como visitas culturais, de natureza, turismo activo, de lecer ou gastronómico

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación do proxecto Turismo Termal Familiar. É unha iniciativa novidosa promovida pola AEITEGAL, a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e de Segittur. O acto estivo presidido pola directora da Axencia, Nava Castro. Asistiron, ademais, Beatriz González, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura; Benigno Amor, secretario tesoureiro da AEITEGAL; xunto cos representantes dos balnearios e talasos participantes.

Benigno Amor destacou que "Galicia conta cun gran potencial en materia de augas minerais, con máis de 300 afloracións, e de augas mariñas, grazas a dispor de 1.659 quilómetros de costa. Nas últimas décadas, o aproveitamento sostible destes recursos naturais transformounos nunha importante vantaxe competitiva para o turismo galego”. E manifestou que “para que esta vantaxe se manteña no tempo, cómpre fomentar a innovación, propiciando a cooperación das empresas a través do desenvolvemento de proxectos colaborativos, o que contribuirá a mellorar a fortaleza de Galicia como destino turístico”.

Turismo Termal Familiar xorde como un produto turístico pioneiro especializado nas familias. Amor sinalou que “o turismo familiar representa un importante segmento de mercado en crecemento, pero está moi esquecido, precisa dunha atención especial tanto por parte das Administracións como do sector empresarial”. Salientou que as familias carecen de propostas específicas para as súas vacacións e o seus momentos de ocio. Así, con esta iniciativa preténdese achegar os beneficios das augas mineiromedicinais e mariñas dos balnearios e talasos galegos ás familias a través dun tempo compartido de lecer. Ademais, búscase convertir a Galicia nun “destino ideal para o turismo termal familiar”.

Dous programas dirixidos a familias con menores

Os establecementos integrados nesta experiencia propoñen dous programas dirixidos ás familias con nenos de 3 e 12 anos. Por un lado, un día termal familiar, unha xornada na fin de semana que inclúe circuíto termal e comida, merenda ou cea, sen necesidade de aloxarse. E, polo outro, unha fin de semana termal familiar, que engloba estadías dunha noite e media pensión, xunto co circuíto termal no balneario ou talaso; complementado cunha visita cultural, de natureza, turismo activo, gastronómico ou de lecer no contorno do establecemento.

Así, ademais de beneficiárense dos circuítos termais, as familias terán a oportunidade de desenvolver actividades fóra dos balnearios e talasos como practicar tenis, pádel, minigolf ou tiro con arco; realizar rutas de sendeirismo, paseos en bicicleta ou a cabalo; visitas a museos ou diversas actividades de turismo activo (marcha nórdica, rafting, barranquismo, rappel, zorbing, puenting, parapente, paintball, carreiras de orientación…). Así mesmo, as familias terán acceso libre ás exposicións da Cidade da Cultura de Galicia.

Participan 12 balnearios e 3 talasos, que suman 2.500 prazas hoteleiras

Esta iniciativa está subvencionada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través dunha liña de axudas destinadas a mellorar a competitividade das pemes mediante o apoio ás agrupacións empresariais innovadoras. Participan na mesma 12 balnearios e 3 talasos de toda a comunidade. Na provincia da Coruña están o balneario de Compostela (Brión) e o talaso Termaria-Casa del Agua (na cidade herculina). Na provincia lucense atópanse os balnearios de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. En Ourense participan os balnearios de Arnoia, Laias (concello de Cenlle), Lobios e Baños de Molgas. E da provincia de Pontevedra están os balnearios de Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Mondariz, Hesperia Isla de La Toja e Gran Hotel La Toja; xunto cos talasos Atlántico (en Oia) e Louxo La Toja. Xuntos suman unhas 2.500 prazas hoteleiras.

Nava Castro lembrou que Galicia posúe un manancial por cada 10.000 habitantes e as augas máis quentes de toda Europa

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia de que xordan novos proxectos neste eido, pola súa contribución ao desenvolvemento do sector turístico galego. E suliñou que Galicia é o principal destino termal de España e un dos principais no ámbito europeo.

Nava Castro lembrou que Galicia posúe un manancial por cada 10.000 habitantes e as augas máis quentes de toda Europa. Ao mesmo tempo, indicou que é unha das rexións xeotérmicas máis ricas do continente e a primeira en establecementos termais recoñecidos coa “Q” de Calidade Turística. E louvou esta iniciativa de Turismo Termal Familiar como “un proxecto novidoso en Galicia, que adapta os seus servizos ás necesidades dos máis pequenos e proporciona unha oferta de lecer variada para todos os membros do núcleo familiar”.

A AEITEGAL está promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia. Está integrada por 65 entidades privadas e públicas vencelladas ao termalismo. Trátase de balnearios, talasos, envasadoras de augas minerais naturais, axencias maioristas, entes de promoción e distintos provedores de produtos e servizos. Como socios institucionais destacan a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, ademais de asociacións, concellos e vilas termais.