Galicia forma a futuros médicos especializados na cura termal, xa que o envellecemento da poboación, o predominio das enfermidades crónicas e o estrés requiren expertos neste eido

inauguracion_wEsta tarde inaugurouse en Santiago o curso académico da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia

O profesor Míguez lembra que o médico do emperador romano Augusto curouno dunha hepatite con auga mineral

O curso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia inaugurouse esta tarde no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC. Ao acto asistiron o director da Cátedra e decano da facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; xunto con directores médicos de diferentes establecementos termais da comunidade.

A materia de hidroloxía médica comezou a impartirse na Universidade de Santiago no ano 2006, froito dun acordo coa Asociación de Balnearios de Galicia. Catro anos despois nace a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existe en toda España, con máis dun centenar de alumnos matriculados cada curso. Os estudantes, ademais da formación teórica neste eido, teñen a oportunidade de realizaren prácticas en balnearios.

O director da Cátedra, o doutor Juan Gestal Otero, destacou “a importancia de que as vindeiras promocións de médicos saian da facultade coñecendo o valor terapéutico das augas minerais, para que tratamentos se pode prescribir cada tipo de auga e, ademais, que cada balneario está especializado segundo a composición das súas augas minerais”. E referiuse ao “peso actual da hidroloxía médica”, pois -tal como indicou- “o envellecemento da poboación, o predominio das enfermidades crónicas e o estrés fan que o termalismo deixara de concibirse como unha actividade exclusiva para a terceira idade”.

Búscase atraer visitantes de Europa cara os balnearios galegos

O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, manifestou que “a Cátedra de Hidroloxía Médica prestixia ao sector termal galego, posto que a docencia neste eido é fundamental para o futuro das nosas empresas”. E salientou a relevancia de avanzar na investigación no campo das augas mineiromedicinais, así como no recoñecemento por parte das autoridades sanitarias dos seus beneficios terapéuticos. “O sector mellorará así a súa imaxe no exterior, o que permitirá atraer cara a Galicia termalistas procedentes doutros países europeos” -sinalou-.

Amor afirmou que “co fin de potenciar a riqueza en augas mineiromedicinais que posúe Galicia e contruibuír ao avance da saúde da nosa poboación e ao desenvolvemento sostible da economía galega, cómpre un esforzo común da Administración, a universidade e os establecementos balnearios”.

A figura do médico-director dos balnearios aparece en España no XIX

A conferencia inaugural do curso impartiuna o codirector da Cátedra, o doutor Luís Rodríguez Míguez. Na súa intervención fixo un percorrido pola historia do termalismo. “Nos tempos primitivos, o baño, máis que unha práctica de aseo persoal, era considerado como un rito simbólico para alcanzar a limpeza da alma e o pracer do espírito” -indicou-. A esta fase mitolóxica séguelle outra empírica. “Conta Plinio que os romanos, durante 600 anos, non coñeceron máis remedios terapéuticos que os baños. Antonio Musa, verdadeiro apóstolo da hidroloxía, cura ao emperador Augusto dunha hepatite con auga mineral” -lembrou o profesor-.

A fase de observación clínica esténdese ata o século XVIII. En España os árabes edifican e reedifican establecementos termais. Logo xorde a fase de investigación, na que se os progresos das demais ciencias se aplican aos estudos da hidroloxía médica, dando lugar ao coñecemento de novos elementos e propiedades nas augas medicinais.

Máis adiante profundízase nos traballos de investigación, estúdanse os mecanismos de acción das distintas augas no organismo. No século XVIII tómase conciencia de que o fenómeno termal e balneario débese recuperar e explotar. Así, a principios do século XIX aparece en España a figura do médico-director nos establecementos balnearios.

O doutor Míguez salientou que “a saúde non é só a ausencia de enfermidade, senón un estado de completo benestar físico, mental e social”. Nesta liña, puxo de manifesto que “os balnearios representan na actualidade unha importante fonte de saúde e benestar”. E declarou que “Galicia, con máis de 300 mananciais catalogados en toda a comunidade, é unha potencia termal, que sobresae pola enorme calidade das súas augas mineiromedicinais”.