A Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e Balnearios de Galicia traballa nunha base de datos de pacientes que reciben tratamentos en instalacións termais

hidroloxia_webTrátase de coñecer as principais patoloxías que se atenden neste eido e os procedementos terapéuticos que se aplican

A Cátedra forma cada ano a máis dun centenar de futuros médicos expertos en hidroloxía médica

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia leva dende 2009 formando a futuros médicos neste eido, algo máis dun centenar cada curso. Ademais das clases teóricas, os alumnos teñen a oportunidade de realizar prácticas en balnearios, o que lles permite coñecer como os facultativos dos establecementos termais aplican diferentes técnicas para o tratamento de enfermidades e doenzas diversas.

A facultade de Medicina da USC acolleu estes días unha reunión da Comisión de Dirección da Cátedra. Nesta xuntanza aprobáronse as actividades que se van realizar ao longo deste curso, que comeza o vindeiro 4 de marzo e remata a principios do mes de xuño. Participaron neste encontro o director da Cátedra, Juan Gestal Otero; o seu codirector, o profesor Luís Rodríguez Míguez; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; a directora médico do balneario de Caldaria, Dolores Fernández Marcos; ademais do director médico do balneario de Caldelas de Tui, Elías Festa Cayuela.

Co propósito de promover actividades de investigación cos balnearios galegos, no marco da Cátedra estase a crear unha base de datos de pacientes que reciben tratamentos en instalacións termais. A finalidade é poder coñecer as principais patoloxías que se atenden neste eido, así como os procedementos terapéuticos que se aplican nos balnearios da comunidade. Así, recolleranse datos dos pacientes de interese para este estudo como información de carácter persoal, o proceso patolóxico que motiva acudir ao balneario, outras patoloxías que presenta o paciente, o protocolo terapéutico empregado e o número de días de cada tratamento, entre outros aspectos. Nesta liña, estase a avanzar na elaboración dunha historia clínica común dos balnearios participantes nesta experiencia.

O director da Cátedra, o doutor Juan Gestal Otero, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública e decano da facultade de Medicina da USC, salienta que, durante o curso as clases teóricas abordarán cuestións tan diversas da hidroloxía médica como a súa importancia para a saúde, os diferentes tipos de augas que existen e as súas aplicacións terapéuticas, os efectos da hidroterapia sobre o organismo ou a variedade de técnicas que se empregan para a aplicación das augas mineiromedicinais nas instalacións termais.

Os alumnos poderán realizar prácticas nun balneario, cunha bolsa de 600 euros, que inclúe aloxamento e manutención no centro termal

Por outro lado, os alumnos terán a oportunidade de participar en encontros monográficos nos balnearios de Mondariz sobre fisioterapia; na illa da Toxa sobre dermatoloxía; en Guitiriz sobre oncoloxía, Alzheimer e outras demencias; e no balneario de Carballo sobre artrose. Ademais, celebraranse varias sesións prácticas en balnearios pertencentes á Asociación de Balnearios de Galicia, nas que se abordarán temas como a balneoterapia no paciente xeriátrico ou a hixiene e a calidade das instalacións balnearias.

Ademais, no marco da Cátedra estase a valorar a posibilidade de organizar, como novidade, prácticas de verán para alumnos dos últimos cursos da licenciatura e do grao de Medicina da Universidade de Santiago. Terían unha duración dun mes e dotaríanse cunha bolsa de 600 euros, ademais de aloxamento e manutención no propio balneario. Como criterios de selección valorarase ter realizado cursos de formación en hidroloxía médica.

O envellecemento da poboación, o predominio das doenzas crónicas e o estrés requiren expertos médicos na cura termal

O doutor Gestal resalta “o valor sanitario e terapéutico das augas mineiromedicinais”. Nesta liña, indica que a formación dos futuros médicos na cura termal é fundamental debido ao envellecemento da poboación, ao predominio das enfermidades crónicas e ao estrés. “As curas hidrotermais representan un importante proceder terapéutico. Están apoiadas por séculos de utilización e polo enorme progreso da terapéutica actual” -asegura-.

“A acción salutífera das augas mineiromedicinais é innegable. Por esta razón é fundamental que as vindeiras promocións de médicos saian da facultade de Medicina cun coñecemento de que son as augas minerais, para que tratamentos se pode prescribir cada tipo de auga e, ademais, que coñezan que cada balneario está especializado segundo a composición das súas augas” -manifesta o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal-.