Os balnearios e talasos galegos presentan en París as súas ofertas para os visitantes franceses

folleto_webO Clúster Turístico Termal de Galicia participa estes días en Thermalies, a feira do sector que se celebra cada ano en Francia

A Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL- está a participar estes días en Thermalies, a feira internacional de termalismo que cada ano se celebra en Francia. O salón estase a desenvolver en París, dende o 24 ata o 27 deste mes. Durante o evento diversos balnearios e talasos galegos están a presentar as súas ofertas especiais dirixidas aos visitantes franceses.

Nesta iniciativa participan os balnearios de Guitiriz e Lugo, situados na provincia lucense; Laias, que se atopa na localidade ourensá de Cenlle; e os balnearios de Baños da Brea (Vila de Cruces), Mondariz e Gran Hotel La Toja, todos eles da provincia de Pontevedra. Ademais, mostran as súas propostas nesta feira os talasos Atlántico, situado na localidade pontevedresa de Oia, e Louxo La Toja.

Os balnearios e talasos galegos integrados nesta experiencia propoñen aos turistas franceses gozar dos encantos e da gastronomía de Galicia a través dos establecementos termais. Nesta liña, ofrecen programas para sénior, dirixidos a persoas maiores de 55 anos, de luns a venres (5 días e 4 noites), a prezos que se sitúan nos 410 euros de media. E, por outro lado, propoñen escapadas de fin de semana (4 días e 3 noites) a un prezo medio duns 343 euros. Todas as ofertas inclúen un completo programa termal.

Como novidade con respecto a outras edicións, os balnearios e talasos galegos presentan en Thermalies unha proposta conxunta coa maiorista Viajes Paco. Ofrécese un paquete que inclúe viaxe de avión dende Francia e coche de aluguer para desprazarse pola comunidade galega.

Tal como resalta o secretario tesoureiro da AEITEGAL, Benigno Amor, e segundo un estudo de Turespaña, “no relativo á oferta de turismo de saúde por comunidades autónomas, Galicia ocupa o primeiro posto en canto a instalacións balnearias e o quinto lugar en centros de talasoterapia”.

A AEITEGAL constitúese en 2010, promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo; e de Segittur, Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas. Está integrada por 65 entidades privadas e públicas vencelladas ao termalismo. Trátase de balnearios, talasos, envasadoras de augas minerais naturais, axencias maioristas, entes de promoción e distintos provedores de produtos e servizos. Como socios institucionais destacan a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, ademais de asociacións, concellos e vilas termais.