Os establecementos termais integrados na Asociación de Balnearios de Galicia lanzan ofertas e programas especiais para a Ponte da Constitución

piscina_webDende a entidade prevén unha elevada ocupación nos balnearios galegos para estes días de descanso

A Asociación de Balnearios de Galicia prevé unhas boas taxas de ocupación para a Ponte da Constitución. Dende o organismo aseguran que na actualidade boa parte dos balnearios galegos xa teñen as súas reservas case ao completo.

Para estes días de descanso os balnearios que abren as súas portas preparan unha serie de ofertas e programas especiais. Os prezos varían entre os 37 euros por persoa e noite ata os 150 euros, en función do tipo de establecemento hoteleiro. A media dos prezos sitúase nos 59 euros por gozar dunha xornada nun balneario da comunidade.

Por outro lado, os balnearios ofrecen para estas datas programas termais especiais para os usuarios, que se manterán tamén durante as festas do Nadal. Así, o paquete da estadía inclúe beneficiarse das súas piscinas termais e chorros, saunas, jacuzzis, diferentes tipos de duchas, bañeiras, sillóns térmicos, masaxes e envolvementos corporais, animación sociocultural, entre outros servizos, incluídas interesantes propostas de tipo gastronómico.

O presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña, salienta que “os balnearios son fontes de descanso e de lecer pero tamén cumpren unha importante función terapéutica grazas á acción salutífera das augas mineiromedicinais. Ademais, podemos presumir de contar cunha oferta variada, que permite a cada cliente escoller, sen saír de Galicia, o que se axuste mellor ás súas necesidades, gustos ou orzamento, ao tempo que se goza da natureza, d o patrimonio cultural e tamén da propia gastronomía local”.

A Asociación de Balnearios de Galicia está integrada na actualidade por un total de 19 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.