O clúster termal galego presenta en Perú as potencialidades das augas minerais e termais de Galicia, primeira comunidade en turismo de saúde en España

aeitegal_peru_webAs actividades empresariais vencelladas a este sector en Galicia xeran 600 millóns de euros anuais e supoñen 5.000 empregos directos

A Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL- e a Asociación de Balnearios de Galicia están presentes na Feira Internacional de Turismo Termal “Termatalia”, que este ano se celebra en Perú entre os días 27 e 30 de setembro. Durante o evento estase a poñer de manifesto que Galicia é unha das principais rexións de Europa en augas mineiromedicinais, recurso que xa consolidou á comunidade galega como destino turístico de referencia en España.

No marco desta feira, o secretario tesoureiro do clúster termal galego, Benigno Amor, abordou o valor da auga mineral como vantaxe competitiva en Galicia. Salientou que “o noso solo conta cunha enorme riqueza mineiromedicinal, con máis de 300 captacións, das que só unha pequena parte é aproveitada polos 21 balnearios e as 10 plantas embotelladoras de augas minerais que existen en toda a comunidade”.

Amor sinalou que “Galicia está inmersa nun proceso de consolidación das súas instalacións termais”, que representan preto do 20% do conxunto dos balnearios que existen en España. “Estamos a vivir unha etapa de renacemento e popularización dos balnearios en Galicia, debido á calidade e variedade das súas augas minerais, á modernización das súas instalacións, á cualificación dos seus profesionais e á garantía que supón para o consumidor o sometemento a unha estrita normativa” -afirmou-.
Por outro lado, o voceiro dos balnearios galegos manifestou que “estamos a asistir a un rexurdir da cultura da auga mineral. A empresa balnearia actual non é só unha casa de saúde, senón tamén un destino turístico”. Así, lembrou que, despois do Camiño de Santiago, o termalismo é o produto turístico con maior potencial internacional da comunidade. No relativo á oferta de turismo de saúde por comunidades autónomas, Galicia ocupa o primeiro posto en canto a instalacións balnearias e o quinto lugar en centros de talasoterapia.

As augas termais e envasadas, recursos estratéxicos para Galicia

O sector das augas minerais e termais en Galicia ten unha facturación anual que supera os 126 millóns de euros e xera 1.700 empregos directos. Estas cifras vense amplamente incrementadas se se teñen en conta todas as actividades vencelladas co sector termal, como os servizos de apoio, os bens de equipo ou a subministración complementaria, entre outros aspectos. En conxunto estímase unha facturación duns 600 millóns de euros anuais e 5.000 empregos directos.

No marco da Feira Termatalia, Benigno Amor incidiu no feito de que na actualidade a auga termal e a auga envasada empréganse como complementos á medicina tradicional e como elementos xeradores de benestar a través das súas múltiples aplicacións -inxesta, vía respiratoria, baños…-. Tal como asegurou, no caso de Galicia preséntanse como recursos con enorme potencial de cara a proporcionar unha oferta turística conxunta de gran calidade.

Na súa intervención, Amor puxo de manifesto que “as actividades termais teñen unha consideración estratéxica en Galicia, polo seu carácter diferenciador e a súa vinculación ao territorio”. Nesta liña, salientou a gran repercusión que sobre as actividades empresariais ligadas ao turismo e tamén sobre o conxunto do sistema empresarial galego ten o termalismo, como “fonte xeradora de riqueza e emprego”.

A AEITEGAL constitúese en 2010, promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo; e de Segittur, Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Está integrada por 65 entidades privadas e públicas vencelladas ao termalismo. Trátase de balnearios, talasos, envasadoras de augas minerais naturais, axencias maioristas, entes de promoción e distintos provedores de produtos e servizos. Tamén forman parte da mesma, como socios institucionais, a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, ademais de asociacións, concellos e vilas termais.