As persoas maiores interesadas en participar no Programa Benestar en Balnearios, que este ano ofrece 720 prazas, poden solicitado antes do 27 de xullo

Colaboran balnearios das catro provincias, que ofrecen unha estadía de dez días a un prezo de entre 310 e 390 euros

Nesta edición elimínase o requisito relativo á renda, que ata agora non podía superar os 763,60 euros mensuais

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Social, vén de modificar os prazos e os requisitos para participar no Programa de Benestar en Balnearios que impulsa este organismo. Con esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013, preténdese contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso, lecer e tratamento termal.

Para este ano ofrécense un total de 720 prazas. A duración da estadía é de dez días e nove noites, na modalidade de “todo incluído”, que dá dereito a recibir tratamentos termais, aloxamento, manutención e participar en actividades de animación sociocultural. Os prezos varían entre os 310 e os 390 euros, en función do balneario solicitado.

Nesta edición participan 11 establecementos termais integrados na Asociación de Balnearios de Galicia. A provincia da Coruña está representada polo balneario de Carballo. Na provincia de Lugo acóllese a este programa Termas Romanas (Lugo). En Ourense colaboran Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios e o Gran Balneario do Carballiño. No caso da provincia de Pontevedra, os interesados poden solicitar o balneario Acuña (Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces) ou Caldelas de Tui. Ademais, participan os balnearios de Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Reis), ámbolos dous situados na provincia de Lugo.

Entre os requisitos esixidos, os solitantes deberán precisar tratamento termal e carecer de contraindicación médica para recibilo

Para participar neste programa, os solicitantes deben ser maiores de 65 anos ou maiores de 60 e reunir a condición de pensionista, aínda que non se esixe que os cónxuxes cumpran estes requisitos relativos á idade. Os interesados deben residir en Galicia e valérense por si mesmos para as actividades da vida diaria. Non poderán padecer ningunha enfermidade infecto-contaxiosa nin trastornos mentais ou condutuais que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da quenda.

Outro dos requisitos que deben cumprir os solicitantes é precisar o tratamento termal e carecer de contraindicación médica para recibilo. Como novidade, elimínase o tope máximo de ingresos para poder acceder ao programa, que ata agora era de 763,60 euros mensuais. As solicitudes xa presentadas no prazo ordinario e que foron denegadas por non cumprir este requisito teranse en conta sen necesidade de que que os solicitantes as formulen de novo. Os aspirantes deberán acadar, segundo o baremo establecido, a puntuación que lles permita gozar do destino solicitado.

Os balnearios Acuña e Arnoia modifican as súas datas para poder gozar neles deste programa

O prazo para presentar as solicitudes amplíase ata o 27 de xullo. A documentación deberá presentarse nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, nos centros sociocomunitarios da Consellería, nos servizos sociais comunitarios dos concellos ou nos servizos sociais de atención primaria dos centros de saúde. E pódese recibir máis información a través do teléfono social 900 333 666 e na páxina web de Benestar (na área de maiores).

En canto ao período para gozar do Programa Benestar en Balnearios, dous dos establecementos termais participantes nesta iniciativa veñen de modificar as datas que ofertan. Trátase do Balneario Acuña, en Caldas de Reis (Pontevedra), ao que os interesados admitidos poderán acudir do día 1 ao 10 de outubro. E o balneario ourensán de Arnoia, que abrirá as súas portas a este programa entre os días 11 e 20 de setembro.