A Asociación de Balnearios de Galicia potenciará a vixilancia para garantir o cumprimento da normativa que se aplica no sector

asemblea_cuntis_webContinuára coa formación de futuros médicos no campo da hidroloxía médica, de cara a potenciar o valor terapéutico das augas mineiromedicinais e reducir así o gasto farmacéutico

A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar a súa Asemblea anual. A Xunta Directiva está integrada por Rafael Luaña de la Viña, de Caldaria Termal, que é o presidente; Antonio Garaloces Paz, de Termas de Lugo, vicepresidente; José Ramón Fernández López, do balneario de Carballo, secretario-tesoureiro; Ana Rodríguez Ruíz, de Caldelas de Tui, vogal; xunto co xerente, Benigno Amor Barreiro. A xuntanza tivo lugar no balneario Termas de Cuntis.

Durante o encontro, os representantes da Asociación de Balnearios de Galicia fixeron un repaso das iniciativas e actividades desenvolvidas durante o ano pasado. E presentaron os proxectos que se levarán a cabo ao longo de 2012. Nesta liña, salientaron a importancia de continuar co labor de vixilancia destinado a garantir o cumprimento da normativa que se aplica no sector. Trátase de evitar os casos de competencia desleal. E tamén se denunciará o incumprimento dos requisitos que a Administración impón aos establecementos balnearios, en particular dende a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e dende a Consellería de Sanidade.

Por outro lado, dende a Asociación seguirase a promover a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, a segunda que existe en España. A través da mesma estase a formar aos futuros médicos neste campo, ao tempo que se busca potenciar o valor terapéutico das augas mineiromedicinais, de grande interese de cara a mellorar a calidade de vida dos termalistas e contribuír a reducir o gasto farmacéutico na comunidade.

A mostra sobre a historia dos balnearios galegos seguirá a percorrer Galicia despois do verán

No transcurso da xuntanza acordouse tamén darlle continuidade á exposición “O lecer das augas”, unha mostra que está a percorrer toda Galicia e coa que se pretende dar a coñecer a historia dos balnearios galegos. A exposición, que xa pasou pola illa da Toxa, Santiago de Compostela, Ourense, Tui e As Pontes, recalará na cidade de Lugo despois do verán.