A Asociación de Balnearios de Galicia advirte de que se a cidade de Ourense aspira a ser a capital termal de Galicia debe cumprir a normativa do sector

termas_xaponesas_webDenuncia a situación ilegal das termas, que non teñen autorización da Consellería de Industria nin da de Sanidade

A Asociación de Balnearios de Galicia participa nas xornadas profesionais de termalismo que se están a celebrar en Ourense. Na súa intervención desta tarde, o xerente da entidade, Benigno Amor, abordou o valor da auga mineiromedicinal como elemento diferenciador e motor económico para a comunidade galega.

Durante o encontro, Amor lembrou que o Parlamento de Galicia, na sua reunión do 13 de maio de 2008, aprobou apoiar a declaración de Ourense, capital termal de Galicia, “co fin de impulsar o coñecemento e a posta en valor dos seus recursos termais, os do conxunto do país e nomeadamente os dos interior  galego”. “Non obstante, catro anos despois atopámonos cun modelo importado, alleo á tradición termal galega e que xera pouco valor engadido” -resaltou o voceiro de Balnearios de Galicia referíndose ás termas xaponesas que están a proliferar na cidade-.

En relación ás termas xaponesas, Amor afirmou que se trata dun modelo que “hipoteca o futuro da cidade e, ademais, corre o risco de contaxiar a outros concellos que o están a imitar”. E instou ao Concello de Ourense a “que o desenvolvemento termal da cidade se faga respectando a normativa sectorial, de maneira que estes proxectos se sustenten na protección física e xurídica dos recursos termais”.

“O principal problema radica en que todo o desenvolvemento do termalismo ourensán ata o de agora baséase en establecementos que non cumpren a normativa autonómica, nin a mineira nin a sanitaria” -declarou Amor-. Explicou que este incumprimento débese a que están a explotar augas minerais sen ter concedido o pertinente dereito de aproveitamento, concesión que compete á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. E tampouco dispoñen das correspondentes autorizacións esixidas pola Consellería de Sanidade. Así, o voceiro de Balnearios manifestou que estas termas representan “un perigo para a saúde pública, que pode arrastrar a boa reputación de Galicia como destino termal de referencia en España”.

Amor referiuse ás termas xaponesas da cidade de Ourense como competencia desleal. “É preciso que cumpran coa normativa sectorial e respecten o valor sanitario do recurso” -declarou-. Nesta liña, apuntou que “a lexislación non permite o uso tópico das augas mineiromedicinais fóra dos balnearios debido a que estas augas, aínda que producen efectos beneficiosos para a saúde, tamén teñen contraindicacións, polo que deben empregarse sempre baixo vixilancia médica e cumprindo os correspondentes controis sanitarios”.

Benigno Amor indicou que no Censo Catastral Mineiro de Galicia (www.censomineiro.org), aplicación web desenvolta pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pódese atopar a relación e o estado actual de tramitación dos dereitos de aproveitamento de augas minerais existentes na cidade de Ourense. Segundo este censo, están solicitados pero aínda non outorgados os dereitos de aproveitamento das Burgas, Baños de Outeiro e Caldas do Bispo -máis coñecidas como Pozas da Chavasqueira-. “Ademais, outras como Outariz publicítanse como augas minerais cando non están declaradas como tales” -asegurou o voceiro de Balnearios-.

Galicia é o destino termal de referencia en España

Tal como lembrou o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia na súa intervención, na actualidade na comunidade galega existen 21 balnearios, o que representa o 17% do total de España. E resaltou que Galicia ocupa o primeiro posto en oferta de turismo termal no conxunto nacional e a quinta posición en centros de talasoterapia.

Segundo o Plan Estratéxico de 2009 da Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -Aeitegal-, as actividades empresariais relacionadas coas augas minerais, termais e mariñas en establecementos de talasoterapìa teñen unha facturación anual superior aos 126 millóns de euros e xeran máis de 1.700 empregos directos. Estas cifras vense incrementadas se se consideran tamén as actividades vencelladas co sector, como é o caso dos servizos de apoio, os bens de equipo ou as subministracións complementarias; co que estas cifras se elevan aos 600 millóns de euros de facturación e aos 5.000 empregos directos.