A Facultade de Medicina da USC acolle a presentación dun manuscrito inédito de 1905 do prestixioso doutor Gil Casares, no que se destacan os beneficios terapéuticos da auga da fonte de Sela, situada en Arbo

asistentes_sela_webO alcalde da época encargouse da súa comercialización como auga de bebida, que se vendía “nas principais farmacias e droguerías de España, Portugal e América”

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia presenta esta tarde na Facultade de Medicina da USC o libro ”La Fuente de los Templarios”. Trátase dun manuscrito inédito do distinguido médico compostelán Miguel Gil Casares, xunto con outros documentos e fotografías antigas, sobre as augas da fonte de Sela, localizada na localidade homónima, no municipio pontevedrés de Arbo.

Ao acto asistirán os coautores da publicación: o doutor Fernando Ponte, a doutoranda Isabel Rego, e o ex-alcalde de Arbo Jorge Freijanes. Acudirán ademais o doutor Juan Gestal Otero, director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da USC; o doutor Luís Rodríguez Míguez, codirector da Cátedra; o xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; e o doutor Jorge Teijeiro Vidal, vicepresidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

O doutor Fernando Ponte, profesor de Historia da Ciencia, que está a estudar a figura do doutor Gil Casares, entre toda a documentación aportada pola familia do afamado médico, atopou un manuscrito inédito titulado “Memoria histórico-científica de las aguas minerales de Sela”, datado en 1905. Ademais, a fonte está preto da vivenda do ex-alcalde de Arbo, gran coñecedor da mesma, que facilitou información e material diverso moi valioso a esta publicación.

O autor indica que estas augas descubriunas por casualidade José Pérez Domínguez, un sacerdote da diócese de Tui, no verán do ano 1900. Chamoulle a atención que a auga, aínda que cristalina na súa orixe, tiña o leito recuberto dunha capa de ocre. Probouna e, en poucas semanas, “viuse libre dunha pertinaz doenza gástrica que o atormentaba”. Moitos enfermos do contorno seguiron o seu exemplo, logrando “sorprendentes éxitos curativos en diversas doenzas”.

O alcalde de Arbo por aquela época, Antonio Pérez Barreira, que ademais era xurista, vendo que a popularidade das augas ía en aumento, legaliza o manancial ao seu nome e instala os medios de captación pertinentes. A pesar de que era pouco caudaloso, don Antonio decátase da súa importancia e dedícaa á exportación como auga de bebida, xa que tan exiguo volume non permitía pensar en baños nin noutras terapias hídricas, máis alá da simple cura hidropínica, é dicir, a que se obtén da bebida. Así, preocúpase de que se realice unha valoración clínica da auga, que encarga ao doutor Casares, que entón, en 1905, tiña 34 anos e xa gozaba dun enorme prestixio.

Importante acción diruética, beneficiosas para corrixir a anemia, trastornos dixestivos, do aparato respiratorio e mesmo a obesidade

No manuscrito, o doutor Gil Casares aborda a composición química destas augas e as súas aplicacións médicas. Tras exhaustivas análises da época, as augas clasifícanse como bicarbonatado-cálcicas, clorurado-sódicas e gaseosas. E, dende o punto de vista bacteriolóxico, son “impecables, puras e cristalinas”. O doutor analiza con detalle a súa acción fisiolóxica sobre a secreción gástrica, confirma que posúen unha importante acción diurética e que favorecen o estado xeral do organismo. Nesta liña, afirma que “aumentan as forzas, corríxese a anemia e levántase o ánimo dos enfermos”.

En canto ás indicacións terapéuticas, recóllese que están recomendadas para tratar enfermidades do estómago e dos intestinos, para facer fronte a doenzas hepáticas e do aparato respiratorio. Tamén “conveñen moito estas augas para combater a gota, a diabete, a asma, certas xaquecas, algúns casos de obesidade e os cálculos de ácido úrico” -destaca o manuscrito-. O doutor Gil Casares resalta que a especialización destas augas son as enfermidades do aparato urinario, sobre o que exercen “un efecto terapéutico de primeira orde”. Además, sinala que están indicadas para doenzas da pel. E as inhalacións e pulverizacións son apropiadas para combater os catarros crónicos da farinxe e da larinxe.

Debido ao seu escaso caudal para indicar baños alcalinos, o doutor Gil Casares manifesta que “están chamadas a adquirir unha reputación tan grande como merecida, particularmente como auga de mesa”. Na etiqueta da botella que se conserva e se recolle na publicación, compróbase que cada unidade custaba 50 céntimos de peseta e vendíanse “nas principais farmacias e droguerías de España, Portugal e América”.

A importancia da normativa para o sector termal en Galicia

Tamén dentro das actividades da Cátedra, antes deste acto, ás 18:30 horas, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, impartirá aos alumnos unha conferencia centrada na situación actual do termalismo en Galicia. Profundizará de maneira particular no marco lexislativo que rexe o sector na comunidade galega. Nesta liña, asegura que “a normativa actual ten sido unha das claves fundamentais no desenvolvemento do termalismo en Galicia”.