Expertos en hidroloxía médica aseguran que o tratamento das doenzas crónicas con augas mineiromedicinais pode ser tan efectivo como a medicina convencional

dr_miguez_webNa actualidade hai un elevado número de enfermidades crónicas debido ao estilo de vida e ao excesivo envellecemento da poboación

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, esta tarde o doutor Luís Rodríguez Míguez, codirector da Cátedra, pronunciará unha conferencia sobre a evolución histórica do termalismo e dos balnearios galegos. Será ás 18:30 horas, no edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

O doutor Míguez explica que, na primeira etapa do termalismo, “o baño con augas mineiromedicinais era considerado como un rito simbólico, destinado a lograr a limpeza da alma e o pracer do espírito”. A esta fase seguiulle outra empírica. Así, na época romana, durante 600 anos o único remedio terapéutico que se aplicaba eran os baños. Segundo os textos de Plinio, un médico cura ao emperador Augusto dunha hepatite administrándolle auga mineiromedicinal.

Tal como sinala o doutor, os romanos distinguían entre “termas” e “aqua”. As termas serían os actuais spas, a auga procedente dos acueductos, á que quentaban con fins lúdicos; mentres que a “aqua” tiña unha finalidade sanitaria. O codirector da Cátedra afirma que tanto no conxunto de España como en Galicia eran todas “aqua”, é dicir, augas mineiromedicinais. E, segundo resalta o doutor, “Ourense e Pontevedra son as rexións do mundo con maior cantidade, calidade e variedade de augas mineiromedicinais”.

Míguez indica que a terceira fase do termalismo céntrase na observación clínica. Comezan a aplicarse os progresos das demais ciencias á hidroloxía médica e, a través da experimentación, compróbanse os mecanismos de acción terapéutica dos diferentes tipos de augas mineiromedicinais sobre o organismo.

Casares, “o Pasteur galego” que revolucionou o estudo dos balnearios

Na súa intervención, o doutor Míguez centrarase na figura do químico galego Antonio Casares Rodríguez. Este ano celébrase o 200 aniversario do nacemento do que fora reitor da Universidade de Santiago e que contribuíu ao desenvolvemento da hidroloxía médica en Galicia. Aplicou os seus coñecementos á resolución de problemas da vida cotiá, con especial dedicación ao estudo das augas mineiromedinais. “É un científico comparable co francés Louis Pasteur, que tamén buscaba resolver os problemas do seu país a través das aplicacións prácticas da ciencia” -destaca o codirector da Cátedra-. Grazas ás súas aportacións, no século XIX os balnearios galegos empezan a ter un gran auxe.

O profesor Antonio Casares revolucionou todo o estudo científico dos balnearios. Estudou en particular as augas de Cuntis e A Toxa, na provincia de Pontevedra; Baños de Molgas, Sousas e Caldeliñas (ambos en Verín), na provincia de Ourense; Carballo e Arteixo, na Coruña; e o Incio, en Lugo. Foi pioneiro na análise destas augas dende o punto de vista químico e a el atribúeselle o descubrimento do manancial da Toxa.

A faceta sanitaria dos balnearios

O profesor Casares estudaba as augas mineiromedicinais “en obsequio á humanidade doente”. Non tiña unha idea lúdica dos balnearios, senón que se sentíu atraído pola súa faceta sanitaria. Nesta liña, o doutor Luís Rodríguez Míguez manifesta que na actualidade no sector termal prima o fin lúdico e turístico sobre o sanitario, o que considera un erro posto que “a cura termal esixe, como mímino, un tratamento de once días con augas mineiromedicinais, mentres que as estadías de lecer céntranse sobre todo nas fins de semana”. Así, destaca que a reorientación dos balnearios cara á saúde representaría, ademais dos beneficios terapéuticos, un importante rendemento económico para o sector.

“As augas mineiromedicinais nunca estiveron tan indicadas como na actualidade. A medicina convencional é moi efectiva para tratar procesos agudos, mentres que as augas están especialmente indicadas para abordar as doenzas de tipo crónico. E nunca houbo tantas enfermidades crónicas como nestes momentos, como consecuencia do estilo de vida e do elevado envellecemento da poboación” -resalta o doutor-. “As augas mineiromedicinais non curan pero melloran en boa medida a calidade de vida dos pacientes” -salienta-.

O valor das augas galegas

O doutor indica que o valor das augas mineiromedicinais de Galicia reside en que todas elas proceden da chuvia, agás as da Toxa e Arteixo, que ademais collen auga do mar. “Dos manancias brota a auga da chuvia que caeu hai anos e mantense no solo a varios quilómetros de profundidade, onde se carga de sales e se quenta” -explica Rodríguez Míguez-. O doutor apunta que “en Galicia chove moito, por iso hai tantos mananciais e, ademais, temos un terreo moi antigo dende o punto de vista xeolóxico, moi rico en sales minerais, de aí a riqueza das nosas augas mineiromedicinais”.