Os futuros médicos achéganse no balneario de Compostela ás técnicas de hidroterapia destinadas a abordar doenzas da pel

balneario_brion_webCoñecerán as características das súas augas sulfuradas, que teñen a capacidade de aumentar un tipo de antioxidante

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, mañá sábado celébrase no balneario de Compostela (situado no concello coruñés de Brión) unha xornada centrada nas indicacións terapéuticas das augas mineiromedicinais desta instalación termal. Ademais de asistir ás sesións teóricas, os futuros médicos terán a oportunidade de coñecer dunha maneira práctica as técnicas de hidroterapia que se aplican no balneario, en particular as destinadas a abordar doenzas da pel.

Durante a xornada, o director do balneario de Compostela, Manuel Bouzas, dará a coñecer aos estudantes de Medicina a historia do balneario. Pola súa parte, a doutora Sinda Blanco, subdirectora médica do Sergas na área clínica de Santiago, tratará as indicacións das augas mineiromedicinais deste balneario, centrándose nas súas propiedades para combater enfermidades dermatolóxicas. Experta en hidroloxía médica, a doutora ten sido premiada no ámbito internacional polas súas investigacións neste eido, posúe unha dilatada traxectoria como directora médico de balneario, e ten un gran coñecemento das instalacións termais galegas, españolas e mesmo europeas.

A doutora Blanco explica que as augas mineiromedicinais do balneario de Compostela son de tipo sulfuradas, bicarbonatado-sódicas, silicatadas e fluoradas. A súa composición fainas indicadas sobre todo para a prevención e tratamento de problemas reumáticos, das articulacións, respiratorios e dermatolóxicos. E tamén son apropiadas para combater trastornos de tipo psicolóxico como o estrés, a ansiedade, a depresión e outras alteracións do sistema nervioso.

A doutora sinala que hai estudos que demostran que este tipo de augas sulfuradas exercen unha acción fundamental no sistema inmunitario, posto que aumentan o glutation reducido, un importante antioxidante producido polas células do organismo. Caracterízanse tamén pola súa capacidade para rexenerar as mucosas e a pel. E, ademais, son antialérxicas. Todos estes beneficios coñécense xa dende a época romana.

A doutora salienta que a cura termal con estas augas resulta moi beneficiosa para abordar problemas cutáneos, determinadas psoriases, dermatites agudas, dermatites atópicas e o acné. “Levan xofre, que é un bo antiséptico e antioxidante, de xeito que se logra mellorar o aspecto das lesións da pel” -asegura-.

“Esta auga penetra nas diferentes capas cutáneas e, ao ter unha temperatura media, non moi elevada, non resulta agresiva para a pel e ademais axuda a calmar o picor” -apunta Sinda Blanco-. A doutora destaca que, tralo tratamento con esta auga, en ocasións a psoriase e outras dermatoses de tipo escamatorio poden chegar a entrar en regresión. “Aínda que non se logra a súa curación total, os resultados son moi satisfactorios para os pacientes, xa que se obtén unha mellora moi significativa” -afirma-.

Un balneario moi vencellado historicamente á clase médica de Santiago, que enviaba aos pacientes a tratarse nas súas augas

Durante a xornada, o director do balneario de Compostela, Manuel Bouzas, explicaralles aos estudantes de Medicina a historia do balneario, que se abastece do manancial de Nosa Señora dos Anxos, tamén coñecido como ”Burga ou Balneario do Tremo”. As súas orixes parecen remontarse á época da ocupación romana, xa que por estas terras pasaba a via cessum.

A primeira vez que aparecen citas históricas sobre o balneario é en 1813, data na que a Xurisdición da Mahía solicita a concesión dunha feira a celebrar no lugar do Tremo. Entre outras alegacións favorables estaba a do abastecemento de produtos agropecuarios aos visitantes do balneario. Nese documento recóllese: “Cuyo beneficio se sigue a las muchas personas que de diferentes partes del Reino concurren en los cuatro meses de verano a los baños y aguas minerales que hay en dicha parroquia de Ángeles para surtirse de lo que necesitan”.

En 1853 publícase o “Tratado Completo de las Fuentes Minerales de España”, de Pedro Mª Rubio, no que aparece mencionado este manancial. E en 1877, no seu ambicioso e exhaustivo “Tratado de Hidrología Médica de Galicia”, o insigne médico Nicolás Taboada Leal describe con detalle as propiedades físicas, químicas e medicinais destas augas. O Estatuto sobre Explotación de Mananciais de Augas Mineiromedicinais, de 26 de abril de 1928, recolle nos seus anexos a existencia deste balneario, a cuxas augas xa se lle recoñece a consideración de augas mineiromedicinais de utilidade pública.

Tal como explica Bouzas, a súa denominación débese a que é o balneario máis próximo á cidade de Santiago. Ademais, apunta que “sempre foi o balneario de Compostela, posto que a capital galega, como capital da medicina en Galicia, aglutinou historicamente a boa parte da clase médica, que enviaba aos seus pacientes ao balneario para que trataran as súas doenzas”.