O tratamento con peloides termais logra eliminar o picor que produce a dermatite atópica na práctica totalidade dos nenos

peloides_webTamén se ten probado a súa efectividade para combater a psoriase, posto que rexeneran as células da pel

Os futuros médicos coñecen as propiedades destes produtos naturais, que xorden da mestura de arxilas con augas mineiromedicinais

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, impártese esta tarde unha conferencia sobre as aplicacións terapéuticas dos peloides termais. Terá lugar na aula 4 do edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, entre as 18:30 e as 20:30 horas. A investigadora do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo Lourdes Mourelle abordará a importancia destes produtos beneficiosos para a saúde.

Os peloides son produtos novidosos que se aplican nos balnearios dende hai moi poucos anos. A directora médica do balneario Isla de La Toja, Marta Arribas, que tamén participa nos cursos da Cátedra, explica que “os peloides son produtos naturais terapéuticos que se elaboran a partir das partículas minerais que se atopan en suspensión nas augas mineiromedicinais, cun aspecto similar ao barro, como unha crema espesa que se pon na zona a tratar, parecida a unha arxila”. Sinala que se trata de axentes termoterápicos que se aplican sobre a pel, é dicir, que se aproveita o calor que emiten para tratar determinadas enfermidades e lesións. Segundo as propiedades físico-químicas de cada peloide, empréganse sobre todo para tratar doenzas dermatolóxicas ou reumatolóxicas.

No balneario Isla de La Toja os peloides aplícanse en particular para combater doenzas de tipo dermatolóxico, debido a que “hidratan e rexeneran as células da pel” -indica a directora médica-. Con esta finalidade, utilízanse para facer fronte tanto á psoriase como á dermatite atópica dos nenos. “No caso da psoriase, tralo tratamento con peloides mellórase moito o aspecto da pel. E a dermatite atópica lógrase eliminar na práctica totalidade dos pacientes” -asegura a doutora-.

O balneario Isla de La Toja realizou unha serie de estudos para corroborar os beneficios terapéuticos dos peloides. Segundo os resultados acadados, demóstrase que os pacientes afectados de psoriase melloran de maneira significativa o arroibamento, a inflamación e a escamación da pel. Ademais, a través destes estudos, reflíctese que nos nenos que padecen dermatite atópica, unha vez tratados con este produtos, elimínase o picor da pel -que é o síntoma máis importante nesta doenza- no 99,9% dos casos.

Investigadores de Vigo colaboran con balnearios de Galicia, España e Portugal na elaboración destes produtos terapéuticos

Os peloides que se empregan no balneario Isla de La Toja fabrícanos investigadores da Universidade de Vigo, que tamén colaboran con outros balnearios da comunidade neste eido e con establecementos termais doutros puntos de España (en particular de Andalucía e Estremadura) e de Portugal. A investigadora do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, a doutora Lourdes Mourelle, participa esta tarde na Cátedra de Hidroloxía Médica da USC-Balnearios de Galicia cunha conferencia sobre as aplicacións terapéuticas dos peloides termais.

A investigadora explica que no desenvolvemento dos peloides mestúrase un compoñente sólido, que poden ser arxilas ou turbas, e outro líquido, en particular a auga mineiromedicinal dos balnearios. “O sustrato sólido é o que lles confire a textura dun fango” -sinala-. “O resultado son produtos exclusivos, á carta, posto que as augas de cada balneario teñen unha composición e unhas propiedades diferentes, polo que os peloides tamén son distintos. Ademais, cada peloide deséñase segundo as aplicacións terapéuticas que se lles vaia dar, polo que non serán iguais para tratar problemas reumatolóxicos que para doenzas da pel” -afirma a investigadora da Universidade de Vigo-.

En canto ás aplicacións terapéuticas dos peloides, a doutora Mourelle destaca as súas importantes propiedades fronte aos procesos reumatolóxicos, debido á acción terapéutica dos minerais que conteñen as augas dos balnearios e aos oligoelementos que hai na parte sólida destes produtos naturais. Resalta tamén a enorme relevancia que teñen no campo da dermatoloxía. E, por último, indica que se aplican, aínda que de xeito minoritario, para abordar problemas respiratorios e mesmo vasculares.

Mourelle asegura que “o futuro dos balnearios atópase nos peloides, xa que son produtos personalizados e exclusivos, non hai ningún igual a outro”. Manifesta ademais que se trata dun “bo recurso terapéutico, que se integra na cura termal e resulta económico”. Nesta liña, destaca que “a alta rendibilidade deste produto natural baséase en que se parte dun produto propio como son as augas mineiromedicinais e, ao ser eficaz dende o punto de vista terapéutico, ten unha demanda elevada”.