Os balnearios galegos son ricos en augas sulfuradas, cuxas propiedades melloran a calidade de vida dos pacientes crónicos con doenzas respiratorias, reumatolóxicas e da pel

augas_sulfuradasReducen os síntomas recurrentes propios da sinusite, rinite, otite, bronquite, dermatite, psoriase, artrose, lumbalxia ou artrite

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia celebra un curso centrado nas propiedades destas augas

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, estes días estase a celebrar na facultade de Medicina da USC un curso centrado nas propiedades salutíferas das augas sulfuradas. Ademais das clases teóricas, os alumnos teñen a oportunidade de realizaren sesións prácticas en instalacións termais de toda a comunidade. A maior parte dos balnearios galegos teñen este tipo de augas, con características moi beneficiosas para a saúde.

Unha das profesionais que participa neste curso é Dolores Fernández Marcos, directora médica de Caldaria Termal. A doutora sinala que as augas mineiromedicinais sulfuradas caracterízanse por ter disolto xofre reducido, o que lles confire unha serie de peculiaridades. E indica que en Galicia son moitos os balnearios que teñen este tipo de auga mineiromedicinal. Entre as súas propiedades, a doutora destaca que son antiinflamatorias e antisépticas, polo que contribúen a diminuír a dor e as inflamacións.

A doutora Fernández afirma que as augas sulfuradas reducen os síntomas recurrentes propios de determinadas doenzas respiratorias como a sinusite, a rinite, a otite ou a bronquite. Ademais, recúrrese a elas para facer fronte a doenzas reumatolóxicas coma artrose, a lumbalxia ou a artrite.

As augas sulfuradas aplícanse tamén para combater doenzas crónicas da pel como a dermatite ou a psoriase, xa que o xofre axuda a reducir a descamación epiteliar característica dos eccemas. E diminúen o prurito asociado a estas alteracións dermatolóxicas. “En xeral melloran o estado da pel, fana máis resistente a infeccións e reducen a inflamación propia destes procesos” -asegura-.

“As augas sulfuradas absórbense por vía oral, respiratoria ou a través da pel. E aplícanse varios tipos de técnicas como a cura hidropínica, técnicas respiratorias ou técnicas de balneación, durante un período de tempo e, en tódolos casos, despois dunha revisión médica do paciente por parte do facultativo do balneario, que prescribe a máis apropiada a cada caso” -manifesta a doutora Fernández-.

O médico do balneario prescribe as técnicas máis axeitadas para cada paciente, segundo o proceso patolóxico que se vai tratar

A denominada cura hidropínica consiste na administración da auga por vía oral. Nesta liña, tal como explica a doutora Dolores Fernández, ata hai uns anos estas augas empregábanse de maneira especial para eliminar pedras da vesícula e para tratar outros problemas vinculados ao aparato dixestivo, posto que melloran a función hepatobiliar. “Na actualidade esta xa non é a indicación principal destas augas porque existen outros tratamentos máis apropiados para combater estas patoloxías dixestivas” -indica-.

Por outro lado, as augas mineiromedicinais sulfuradas poden administrarse por vía inhalatoria ou respiratoria, a través de aerosoles, nebulizadores ou duchas nasais. E, unha terceira vía consiste en darse baños, xa sexan totais ou parciais, en bañeiras, chorros, duchas ou piscinas.

“Os pacientes que fan uso destas augas para tratar unha doenza crónica ven como mellora en boa medida o seu problema en particular e a súa calidade de vida en xeral” -asegura a doutora-. Destaca que, no caso dos problemas musculares e osteoarticulares, mitígase a dor e poténciase a mobilidade; nas doenzas respiratorias baixa o número de crises; e nas de tipo dermatolóxico como a psoriase, apréciase un notable progreso no aspecto da pel.

A doutora Fernández pon de manifesto a importancia da formación dos futuros médicos nos beneficios das augas mineiromedicinais en xeral e, en particular, das que máis abundan nos balnearios galegos, como é o caso das augas sulfuradas. Insiste en que “é fundamental que a terapia termal sexa cada vez máis coñecida entre os facultativos, posto que representa unha solución eficaz no tratamento dun bo número de doenzas crónicas”.