Nace a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia integrada por balnearios, augas minerais e talasos

Antonio Garaloces, María Antón e Pedro Figueroa
A  Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia –AEITEGAL– celebrou esta mañá en Santiago a súa asemblea constituínte na que se elixiu xunta directiva e se aprobaron o plan director e 56 proxectos. Impulsada pola Asociación Balnearios de Galicia e a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, AEITEGAL está formada por 57 entidades entre privadas e públicas. Balnearios, augas minerais naturais, talasos e axencias de vaixes, ademais doutras empresas provedoras do sector como hostelería, arquitectura e consultorías nutren o novo clúster termal galego, que ten por obxecto “sumar esforzos e sensibilidades e aproveitar as sinerxias” para mellorar a competitividade dende a perspectiva do “crecemento sostible”, segundo explicou o seu presidente electo, Antonio Garaloces. A AEITEGAL tamén incorpora con distintas formas de colaboración a consellerías e outros organismos da Xunta de Galicia e ás tres universidades galegas, como socios institucionais destacados.

 

A subdirectora de Ordenación do Turismo, María Antón, que interveu na sesión desta mañá celebrada na Escola Galega de Administración Pública (Santiago) no nome da Secretaria Xeral, Carmen Pardo, e cuxa ausencia desculpou, indicou que hoxe “cerramos un proceso de nueve meses de trabajo”; pero engadiu que malia ser Galicia unha potencia termal polo número de balnearios e captación de augas minero-medicinais “no basta: Es necesario innovar en las instalaciones balnearias e implementar estruturas de cooperación público-privadas como la AEITEGAL. Apostamos por el sector y para nosotros es un reto de país”.

Tras señalar que o novo clúster termal debe crecer con novas incorporacións de empresas, expresou a vontade da Administración de converter Galicia no “destino turístico termal de España”.

O equipo de traballo G4plus da Universidade de Vigo foi o encargado de realizar as múltiples xestións previas á constitución formal da AEITEGAL, con innumerables consultas, entrevistas e contactos directos cos socios e con expertos. O seu director, Pedro Figueroa, falou de “resultados positivos” e destacou a “cooperación” dos empresarios. Tamén expresou o seu optimismo a teor das “muchas peticiones de nuevas entradas” na agrupación, así como os 56 proxectos que xa hai “encima da mesa”. E concluíu que con esta experiencia “buscamos a excelencia no sector”.

Mellora da eficiencia enerxética, a idea con máis proxectos presentados

Entre as ideas e proxectos presentados polos distintos socios da AEITEGAL, ata un total inicial de 56, figuran:

-mellora da eficiencia enerxética

-perímetros de protección dos acuíferos

-sistemas de tratamento e control das augas

-rutas de auga e centros de interpretación

-rede de talasos na costa galega

-desenvolvemento de grupos de traballo

-xornadas formativas con maoristas

-paquetes de corta estadía

-visita comercial a Chile

Xunta Directiva no 2010

A xunta directiva da AEITEGAL está composta sobre a representatividade dos socios, segundo explicou o equipo xestor G4plus, e o seu mandato será por este ano 2010 a modo de “posta en marcha”.

Presidente: Antonio Garaloces, de Termas de Lugo

Vicepresidente 1º: Manuel Vázquez, de Aguas de Sousas

Vicepresidente 2º: Francisco Alabart, de Termaria Casa del Agua

Secretario e Tesoureiro:

Benigno Amor Barreiro, da Asociación Balnearios de Galicia

 

Completan a Xunta Directiva 5 vocais: Javier Soto (Caldaria Termal), Noelia Cabarcos (Balneario de Mondariz), Carmen Pita (Turgalicia), Jesús Ares (Inversiones Hosteleras de Galicia) e Antonio Freire (Gala Termal).