A Asociación de Balnearios de Galicia entrega a súa Insignia de Ouro á Real Academia de Medicina polo seu apoio á hidroloxía médica

carro_teijeiro_miguez_luana_webO presidente da Academia, o doutor Carro, asegura que os balnearios galegos son unha potencia aínda por desenvolver como centros de rehabilitación do aparato locomotor

A primeira medalla de Balnearios recibiuna hai doce anos Manuel Fraga, pola súa axuda ao sector termal galego

A Asociación de Balnearios de Galicia fará entrega da súa Insignia de Ouro á Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Será no marco dun acto que terá lugar mañá venres, con motivo da inauguración do curso académico da entidade médica e das celebracións do seu 180 aniversario. O evento desenvolverase no salón de actos da Academia, situada na cidade da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10), ás 19:30 horas. O discurso inaugural do curso impartirao o doutor Luís Rodríguez Míguez, académico numerario e codirector da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia.

O presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña, declara que a entrega da VII Insignia de Ouro de Balnearios á Academia de Medicina é “un recoñecemento á súa permanente actividade científica en defensa e apoio á hidroloxía médica”. Nesta liña, a Academia organiza tódolos anos unha sesión sobre este tema nalgún balneario galego.

A Academia de Medicina defende dende os seus inicios o emprego das augas mineiromedicinais como tratamento terapéutico

O presidente da Academia, o doutor José Carro Otero manifesta a súa satisfacción por recibir este galardón, que, segundo as súas palabras, “recoñece o labor de 180 anos traballando pola balneoterapia galega”. Explica que dende a súa creación, no ano 1831, a Academia tivo como responsabilidade examinar aos candidatos a directores médicos dos balnearios, avaliar as memorias dos establecementos termais, apoiar o seu progreso técnico e médico-terapéutico, a través dunha comisión permanente de augas mineiromedicinais. “E dende a entidade impulsouse sempre a difusión e o mellor coñecemento da cura dos balnearios” -asegura o doutor-.

Na actualidade a Academia traballa pola actualización permanente da medicina neste ámbito. Así, promove, en colaboración coa Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, a realización dunha sesión teórico-práctica anual nun balneario galego dirixida a estudantes de Medicina, co obxecto de introducir aos futuros profesionais no coñecemento das curas balnearias.

“A Academia defende dende os seus inicios o emprego das augas mineiromedicinais como modalidade terapéutica” -afirma o seu presidente-. E sinala que cómpre “darlle valor á auga como recurso curativo porque en Galicia temos moitos e moi bos mananciais e, en consecuencia, excelentes balnearios”.

O doutor José Carro Otero asegura que “as augas mineiromedicinais xogan un papel terapéutico innegable nas enfermidades crónicas, segundo as indicacións e propiedades de cada unha. E os establecementos termais son unha potencia aínda por desenvolver como centros de rehabilitación do aparato locomotor. Son lugares para preservar a saúde en xeral, para tratar o estrés e outras moitas doenzas e trastornos”.

“Os balnearios son verdadeiros centros médicos e tamén de dinamización socioeconómica das zonas nas que se asentan porque crean empregos directos e indirectos, e no relativo ao turismo facilitan un mellor coñecemento de Galicia. O beneficio dos balnearios é, pois, moi plural” -resalta o doutor Carro-.

A historia das insignias da Asociación de Balnearios de Galicia


A Asociación de Balnearios de Galicia acordou no ano 2000 establecer unha distinción para destacar ás persoas e entidades que máis contribúen á evolución do termalismo na comunidade galega. Así nace a Medalla de Balnearios de Galicia. A primeira destas distincións recibiuna hai doce anos o recentemente falecido Manuel Fraga Iribarne, “en recoñecemento ao seu apoio decidido ao desenvolvemento do sector termal galego, a través da normativa sectorial e a convocatoria de ordes de axudas e programas de termalismo social”.

A partir da cuarta edición deixouse de conceder a medalla, pasando a consistir a condecoración na Insignia de Ouro da Asociación. O presidente de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña, entrega mañá a sétima edición destes galardóns á Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.