Galicia é a quinta comunidade en número de prazas no programa de termalismo social do Imserso, cun total de 17.234, repartidas en 17 balnearios

termalismo_social_webOs usuarios reciben tratamentos para combater a reuma, a artrose, as afeccións dos aparatos respiratorio e dixestivo, os problemas renais, da pel e os trastornos nerviosos

O 16 de xaneiro remata o prazo para a presentación de solicitudes para as quendas de febreiro a agosto

A Asociación de Balnearios de Galicia está a colaborar na difusión do programa de termalismo social do Imserso -Instituto de Maiores e Servizos Sociais-, dependente ata agora do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Este programa vai dirixido a pensionistas maiores de sesenta anos e a tódolos pensionistas de xubilación e invalidez que precisen os tratamentos termais que proporcionan os balnearios, xunto cos seus cónxuxes.

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, lembra que o termalismo social é un servizo complementario ás prestacións da Seguridade Social que ten por obxecto “facilitar a asistencia ás persoas maiores que requiran os tratamentos que se ofrecen nos balnearios, a prezos reducidos”. Sinala que este programa permite que os usuarios poidan recibir tratamentos termais para combater a reuma; a artrose; as afeccións dos aparatos respiratorio, dixestivo, renal e das vías urinarias; os problemas da pel e ata trastornos vencellados ó sistema nervioso. “A finalidade é que o tratamento termal actúe de maneira preventiva, curativa ou rehabilitadora de doenzas crónicas e de enfermidades invalidantes, contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos usuarios” -manifesta o voceiro dos balnearios galegos-.

Os usuarios poden gozar de estadías de 12 días e 11 noites ou de 10 días e 8 noites, a prezos moi reducidos

As estadías son de 12 días e 11 noites. Como novidade, para o vindeiro ano engadiuse unha nova modalidade cunha duración máis reducida, de 10 días e 9 noites, a un prezo moi asequible. As tarifas varían en función do establecemento hoteleiro e das características dos distintos balnearios. Nas quendas de dez días en tempada baixa van dende os 180 ós 280 euros, e entre os 255 e 355 euros en tempada alta. No caso das quendas de doce días, en tempada baixa os prezos oscilan entre os 230 e os 380 euros, mentres que en tempada alta sitúanse entre os 300 e os 460 euros.

Galicia conta cun elevado número de prazas

Galicia é unha das comunidades autónomas que ofrece un maior número de prazas no marco do programa de termalismo social do Imserso, cun total de 17.234, por detrás de Andalucía, Cataluña, Madrid e a Comunidade Valenciana. Do conxunto das prazas, 6.869 son para a provincia da Coruña, 5.194 para Pontevedra, 2.594 para Lugo e 2.577 para Ourense.

Participan nesta iniciativa 17 establecementos termais. Trátase dos balnearios de Carballo e Compostela (Brión), na provincia da Coruña; Augas Santas (Pantón), Guitiriz, Lugo e Río Pambre (Palas de Rei), en Lugo; Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios e O Carballiño, en Ourense; Acuña e Dávila (ambos en Caldas de Reis), Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui e Isla de La Toja, na provincia de Pontevedra.

O prazo para a presentación das solicitudes para as quendas de febreiro a agosto remata o día 16 de xaneiro. E para as quendas de setembro a decembro conclúe o 16 de maio. Os interesados que presenten a súa solicitude fóra de prazo incluiranse nunha lista de espera, destinada a cubrir as prazas que vaian quedando vacantes por renuncias ou por outras circunstancias.

Para a adxudicación das prazas o Imserso aplica un baremo, no que ten prioridade o grao de necesidade de recibir os tratamentos termais, a situación económica e a idade dos solicitantes. Tamén se valora que sexan na actualidade membros dunha familia numerosa e que non teñan participado no programa de termalismo social nos dous últimos anos.

Os servizos que ofrece o programa

O programa ofrece tratamentos termais básicos, que inclúen o recoñecemento médico e a prescrición do tratamento por parte do facultativo do balneario, a súa aplicación e posterior seguimento médico. Proporciónase ademais aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en habitacións dobres de uso compartido. E realízanse actividades de animación destinadas a este colectivo.

“Este programa ten un forte impacto na redución do gasto farmacéutico e tense constatado que unha parte significativa das persoas que participan no mesmo manifestan que a súa saúde mellora trala realización dos tratamentos termais. Ademais, o ambiente que se xera favorece o establecemento de novas relacións sociais, ó tempo que se desenvolven actividades que melloran o seu estado anímico” -asegura o xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor-.

Os interesados en participar neste programa poden obter os impresos de solicitude de praza e recibir máis información na páxina web www.imserso.es.