O vicepresidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Antonio Garaloces, recibe o premio da Cámara Mineira pola súa traxectoria profesional

garaloces_webAsegura que “lograremos saír desta crise”, tal como o fixo o sector nos anos oitenta, cando os balnearios non eran rendibles e só abrían no verán

A Cámara Oficial Mineira de Galicia celebra mañá xoves o día da súa patroa. No marco desta conmemoración fará entrega dos Premios Santa Bárbara, que cumpren a súa quinta edición. O acto terá lugar no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, ás 17:00 horas.

A finalidade destes galardóns é poñer de manifesto a importancia do sector mineiro para o tecido industrial galego e para o desenvolvemento da sociedade.  Nesta edición a Cámara Mineira decidiu premiar pola súa traxectoria profesional a Antonio Garaloces Paz, vicepresidente da Asociación de Balnearios de Galicia, ademais de director e propietario do Balneario de Lugo.

O premiado mostra a súa “gratitude e satisfacción” por recibir este galardón. “Este recoñecemento é unha honra porque os balnearios temos unha relación moi directa co sector mineiro”. E destaca que, “logo de traballar durante tantos anos pola mellora do sector das augas mineiromedicionais en Galicia, é de agradecer que os propios compañeiros me teñan en consideración”.

Nos anos oitenta era unha temeridade investir nun centro termal porque o futuro era incerto

Antonio Garaloces naceu en Lugo en 1955. Entrou a traballar no Balneario de Lugo, propiedade da súa familia, como administrador no ano 1977, logo de rematar os seus estudos, con tan só 22 anos. Dende 1980 exerce como director e propietario. Lembra que “daquela os balnearios abrían só tres ou catro meses ó ano, en época estival. Durante o inverno permanecían pechados, o que supoñía grandes custos de posta a punto na súa reapertura así como a aprendizaxe constante do persoal. Non eran rendibles e era difícil convencer ó empresario para que investise en infraestrutura porque o futuro era realmente incerto”.

“Naqueles anos o termalismo estaba un pouco abandonado, acudía moi pouca xente ós balnearios, a maioría por indicación médica ou por tradición e só en termporada. E meterse nunha empresa desta envergadura era unha temeridade, un verdadeiro suicidio, porque non se sabía cal ía ser a evolución do sector” -asegura o premiado-.

Garaloces resalta que a foi a principios dos anos noventa cando os balnerios empezaron a coller auxe, debido en parte ó concerto co Imserso e á posta en marcha de programas de termalismo social. Entón os centros puideron realizar grandes investimentos e introducir melloras importantes. “Froito daquela aposta, na actualidade o termalismo galego está á cabeza do sector no ámbito nacional, pola súas instalacións e pola cantidade e calidade das súas augas mineiromedicinais” -afirma-. E manifesta que “tamén lograremos saír da situación de crise económica que estamos a vivir se mantemos a ilusión e a confianza, que son os motores que impulsan a todo emprendedor”.

O premiado estivo sempre ligado ó sector termal galego e nacional, para traballar pola súa evolución

Antonio Garaloces entrou a formar parte en 1980 da entón denominada Asociación Nacional de Estacións Termais, con sede en Madrid, á que pertencían a maioría dos balnearios de Galicia e que daquela presidía o galego Marcial Campos. Foi vogal da mesma entre 1987 e 1995. Na actualidade segue vencellado a esta asociación, ahora chamada Balnearios de España.

O lucense é un dos socios fundadores da Asociación de Balnearios de Galicia, creada no ano 1985 e da que foi presidente durante catro anos. Garaloces explica que o que entón animou ó sector a unirse nunha Asociación foi “o convencemento absoluto do noso potencial, da calidade das nosas augas como factor terapéutico”. Nesta liña, sinala que en Europa xa daquela as curas balnearias sufragábaas en parte a Seguridade Social, pero “en Galicia aínda estamos a esperar a oportunidade de demostrar que a cura balnearia mellora en moitos casos a calidade de vida dos termalistas, co consecuente aforro do gasto farmacolóxico”.

Garaloces sempre estivo moi ligado á Asociación de Balnearios de Galicia, na que ocupou diferentes cargos ó longo da súa traxectoria. Na actualidade é o seu vicepresidente. Tamén presidiu a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL-.