O clúster termal galego realizará estudos para identificar novas posiblidades de aplicación das propiedades das augas minerais en relación coa saúde, o benestar, a cosmética e a alimentación

aeitegal1_webEstá integrado por balnearios, talasos, envasadoras de augas minerais, axencias maioristas, entes de promoción e provedores de produtos e servizos, xunto coa Administración

A Escola Galega de Administración Pública -EGAP- acolleu esta mañá en Santiago un encontro do sector termal galego, promovido pola Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL- Durante o evento, que inauguraron a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o director da EGAP, Pablo Figueroa, destacouse a importancia dos clústeres turísticos, na medida en que a acción coordinada de tódolos axentes do sector contribúe a satisfacer de xeito máis pleno aos visitantes.

O secretario tesoureiro da Agrupación, Benigno Amor, lembrou que “Galicia é unha das zonas de Europa con maior riqueza en augas minerais, termais e mariñas”. E resaltou que se trata de “recursos non deslocalizables e que se están a explotar dun xeito racional e comprometido co desenvolvemento sostible”. Amor manifestou que “ter recursos abundantes é unha condición necesaria, aínda que para ser competitivos precisamos tamén doutros factores”. Nesta liña, sinalou a importancia do liderado que debe exercer o sector público, a competitividade dos factores produtivos e das empresas do sector, a calidade da demanda turística, xunto coa sinerxia entre tódolos axentes públicos e privados.

A AEITEGAL constitúese en 2010, promovida pola Asociación de Balnearios de Galicia. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo; e de Segittur, Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, dependente do Ministerio de Economía e Facenda. Está integrada por 50 socios de número, empresas vencelladas á cadea de valor do termalismo: balnearios, talasos, envasadoras de augas minerais naturais, axencias maioristas, entes de promoción e distintos provedores de produtos e servizos. Tamén forman parte da mesma, como socios institucionais, a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, ademais de asociacións, concellos e vilas termais.

Amor indicou que “o clúster está orientado a mellorar a competitividade das empresas que o integran, tanto de xeito particular como no seu conxunto, así como á promoción de relacións interempresariais, difíciles de acadar de maneira individual”. E declarou que, “malia a crise que estamos a vivir, se empresas e Administración cooperan, a Agrupación será un centro xerador de proxectos innovadores que mellorarán a competitividade do sector e da economía galega”.

O clúster presentou os seus novos proxectos, dende iniciativas para atraer visitantes estranxeiros, ata a mellora da eficiencia enerxética dos establecementos ou a promoción do turismo deportivo

A Agrupación presentou o seu plan de actuacións previsto para o período 2011-2012. Entre estes proxectos destaca a posta en marcha dun plan de internacionalización do turismo de saúde e benestar de Galicia, destinado a atraer visitantes estranxeiros á nosa comunidade. Nesta liña, desenvolveranse paquetes turísticos integrados para a súa comercialización en países de Europa, con actividades en balnearios e talasos, acompañados doutras propostas culturais e de lecer activo. E programaranse actividades para a posta en valor turístico dos recursos naturais que existen no contorno dos mananciais.

Por outro lado, a Agrupación tratará de sensibilizar ao colectivo sanitario da potencialidade da hidroloxía médica, ao tempo que se fomentará a investigación neste eido. Desenvolveranse un conxunto de estudos para valorar a mellor evolución de pacientes con tratamentos de hidroloxía médica fronte á medicina tradicional, ao tempo que se avaliará o posible aforro económico en custos asociados aos medicamentos, de xeito que se facilite a súa incorporación dentro do sistema sanitario como un elemento innovador. E realizaranse estudos para identificar novas posiblidades de aplicación das propiedades das augas minerais para usos relacionados coa saúde, o benestar, a cosmética e a alimentación.

Tamén se está a valorar o desenvolvemento do denominado turismo deportivo, ligado á saúde e ao benestar. Trátase de promover unha experiencia innovadora na aplicación de tratamentos médicos preventivos, de relaxación… en balnearios, ligados a unha actividade deportiva profesional de alto rendemento.

Entre os proxectos previstos destaca a posta en marcha dunha plataforma TIC de soporte para a xestión e comercialización de produtos turísticos. E organizaranse xornadas sobre o termalismo en xeral e as propiedades terapéuticas das augas en particular. Buscarase ademais a mellora na eficiencia enerxética global nos balnearios, talasos e envasadoras de augas minerais naturais.

O director do Balneario de Carballo, novo presidente da AEITEGAL

No marco deste encontro, a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL- celebrou unha Asemblea Xeral, na que se elixiu á súa nova Xunta Directiva. O novo presidente da Agrupación é José Ramón Fernández, director do Balneario de Carballo. O vicepresidente primeiro é Francisco Blanco, de Fontecelta; o vicepresidente segundo, Manuel Amoedo, do talaso Louxo La Toja. O secretario tesoureiro segue a ser Benigno Amor, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia. Os vogais son Javier Soto, de Caldaria; Noelia Cabarcos, do balneario de Mondariz; Antonio Freire, de Gala Termal; Jesús Ares, de Costas Galicia; e Mª Carmen Pita, de Turgalicia.