A Asociación de Balnearios de Galicia incorpora un novo socio, co que representa a máis do 95% do sector, cun total de 21 balnearios, 3.000 prazas hoteleiras e 1.400 postos de traballo

asemblea_balnearios_webO balneario de Compostela, en Brión, contribúe a reforzar o liderado do termalismo galego no eido nacional

A Asociación de Balnearios de Galicia celebrou esta mañá unha asemblea xeral ordinaria no balneario de Compostela, situado no concello coruñés de Brión. Á xuntanza asistiron representantes de tódolos balnearios asociados, ademais do presidente da entidade, Rafael Luaña de la Viña, e o seu xerente, Benigno Amor Barreiro. Entre os acordos tomados pola asemblea destaca a adhesión do balneario de Compostela.

Con esta nova incorporación, a Asociación de Balnearios de Galicia representa a máis do 95% do sector, cun total de 21 balnearios asociados. As empresas reúnen no seu conxunto preto de 3.000 prazas hoteleiras e xeran ao redor de 1.400 postos de traballo.

Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están os de Oca Augas Santas (Pantón), Guitiriz, Lugo e Río Pambre (Palas de Rei). Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia Caldaria, Baños de Molgas, Laias Caldaria (Cenlle), Lobios Caldaria, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o balneario de Mondariz.

Benigno Amor, manifestou que esta nova incorporación supón “un reforzamento e potenciación da Asociación e, como consecuencia, do sector termal na comunidade galega”. Nesta liña, declarou que “fortalecemos o sector porque a través de estruturas de cooperación como a Asociación de Balnearios poderemos seguir a manter o liderado de Galicia no ámbito nacional”.

O xerente da Asociación resaltou que “o incremento no número de socios favorecerá o desenvolvemento de novos proxectos destinados á mellora do sector e á difusión pública do termalismo, en beneficio dos usuarios e da economía do país”. Así, fixo referencia a proxectos de éxito promovidos pola Asociación, en particular a creación da central de reservas www.balnegal.com, onde se recollen as mellores ofertas dos balnearios galegos, sen gastos de xestión; a posta en marcha da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago; así como a edición do libro “O lecer das augas. Historia dos Balnearios de Galicia”, editado por Galaxia, e a realización da exposición itinerante do mesmo nome.

Pola súa parte, o director xerente do balneario de Compostela, Manuel Bouzas Suárez, mostrou a súa satisfacción por entrar a formar parte da Asociación de Balnearios de Galicia como entidade representativa do sector. “Detectamos que se estaban a levar a cabo proxectos de interese e isto animounos a dar o paso, de cara a contribuír entre todos a que as cousas sigan a facerse ben, en beneficio do termalismo na comunidade galega” -declarou-.

O balneario de Compostela recibe uns 21.000 usuarios cada ano

O hotel balneario de Compostela recibe preto de 21.000 visitantes cada ano. Inaugurouse en 2005 e dende entón recoméndao a prestixiosa Guía Michelín. A pesar de ser un dos balnearios máis recentes en Galicia, conta cunha historia de varios séculos.

O balneario abastécese do manancial de Nosa Señora dos Anxos, tamén coñecido como ”Burga ou Balneario do Tremo”. As súas orixes parecen remontarse á época da ocupación romana, xa que por estas terras pasaba a via cessum. Non obstante, a primeira vez que aparecen citas históricas sobre o balneario datan do ano 1813. Foi un lugar moi concorrido ata a Guerra Civil, momento no que sufriu un forte declive, deixando de funcionar oficialmente en 1967. A pesar disto, os veciños da zona e outras persoas que xa tiveran recibido tratamentos no balneario seguiron a beneficiarse das augas deste manancial.

Tal como explica o seu director xerente, Manuel Bouzas, a súa denominación débese a que é o balneario máis próximo á cidade de Santiago. Ademais, apunta que “sempre foi o balneario de Compostela, posto que a capital galega, como capital da medicina en Galicia, aglutinou historicamente a boa parte da clase médica, que enviaba aos seus pacientes ao balneario do Tremo para que trataran as súas doenzas”.