Galicia é unha das comunidades líderes no sector mineiro, cunha facturación superior aos 700 millóns de euros e 6.300 empregos directos

autoridades_IGME_webOs 21 balnearios e as 9 plantas embotelladoras de Galicia facturan 110 millóns de euros e dan emprego a 2.500 persoas

O conselleiro de Economía presentou esta tarde os resultados de dous estudos sobre as augas minerais e os minerais industriais de Galicia

Esta tarde presentáronse no balneario de Mondariz os resultados de dous estudos realizados polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME), do Ministerio de Ciencia e Innovación, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria. Trátase da “Historia y evolución científica y técnica del conocimiento de las aguas minerales de Galicia” e do “Mapa de rocas y minerales industriales de Galicia”. Nesta iniciativa participan tamén a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia (AEITEGAL) e a Asociación de Balnearios de Galicia.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen presidiu o acto, declarou que “os recursos minerais son a base do proceso produtivo, na medida en que representan máis do 90% dos materiais de construción e son necesarios en numerosos procesos industriais”. Nesta liña, salientou “a importancia que para o progreso industrial e o desenvolvemento socioeconómico supón dispor de recursos minerais propios e contar cun sector mineiro ben arraigado”.

Pola súa parte, o presidente da Cámara Mineira de Galicia, Francisco Aréchaga, sinalou que “en moitas ocasións fálase da minería galega tendo só como referente a importancia económica e o emprego que xeran o granito e a lousa. Pero trátase de dous subsectores que aportan os materiais cos que se construíu o riquísimo patrimonio arquitectónico de Galicia”. E destacou que o subsolo galego é rico noutras moitas substancias mineiras, entre elas as augas minerais e termais. Así, lembrou que os 21 balnearios e as 9 plantas embotelladoras que existen en Galicia facturan 110 millóns de euros e dan emprego a 2.500 persoas.

A minería é o segundo sector económico de Galicia

A publicación “Mapa de rocas y minerales industriales de Galicia” constitúe unha boa ferramenta de cara a favorecer o aproveitamento sostible dos recursos minerais en Galicia. Así o manifestou o coordinador do estudo, Ángel Ferrero Arias, xefe da Unidade do IGME en Galicia. Resaltou que “Galicia es una de las primeras comunidades autónomas de España en cuanto al valor de su producción minera, que supera los 387 millones de euros y genera 6.300 empleos directos”. Representa o segundo sector económico da comunidade, aportando o 1,5% do PIB, cunha facturación superior aos 700 millóns de euros.

Galicia lidera a extracción de lousa, granito, cuarcita ornamental e cuarzo, ao tempo que é unha importante produtora de áridos

Das máis de 1.800 unidades de explotación mineira que existen en Galicia, unhas 490 mateñen unha actividade máis ou menos continuada. Delas extráense un total de 26 substancias diferentes, entre as que destacan os granitos e as lousas, de xeito que a comunidade galega é unha das rexións máis importantes a escala mundial na produción destas rochas para pedra natural, cun elevado valor ornamental. Para a construción e ornamentación destaca tamén a extracción doutras rochas como calcarias (calizas), cuarcitas ou gneises.

A construción de edificacións e viais require de diversas rochas como materia prima e en Galicia obtéñense con estes fins áridos de calcarias, cuarcitas, areíscas, anfibolitas, areas e gravas, gabros, esquistos… Algunhas rochas empréganse na industria siderúrxica, como as peridotitas que se extraen na provincia da Coruña ou calcarias extraídas na parte oriental de Galicia.

Galicia aporta tamén á industria algúns minerais fundamentais para o desenvolvemento da sociedade. Nalgún caso, como ocorre co cuarzo para a industria metalúrxica do silicio, a comunidade galega é líder nacional. Outros minerais industriais que alcanzan proxección nacional e internacional son o caolín, para as industrias do papel e da cerámica fina; o feldespato, para a industria cerámica; arxilas, para cerámica estrutural e gres; magnesita, para a corrección de solos, alimentación animal e como neutralizador de efluentes acedos; ademais de turba, para a agricultura e a xardinería.

Estudouse a viabilidade de implantación de novas plantas de envasado de auga mineral e instalacións termais en Galicia

Pola súa parte, o libro “Historia y evolución científica y técnica del conocimiento de las aguas minerales de Galicia” recolle os resultados dos traballos realizados nos últimos anos sobre as augas minerais e termais de Galicia. Estes estudos inclúen a análise de viabilidade de implantación de novas plantas de envasado de auga mineral e de novas instalacións termais.

A coordinadora do equipo que realizou este estudo, María del Mar Corral Lledó, directora adxunta do departamento de Investigación en Recursos Xeolóxicos do IGME, manifestou que “Galicia es una región privilegiada en relación a sus aguas minerales y termales”. Así, dos dezanove dominios hidrominerais que existen en España, no dominio no que se encadra Galicia definíronse dez subdominios, que, segundo os expertos, presentan unha notable diversidade en canto ás características das augas minerais e termais que albergan.