A formación dos futuros médicos na cura termal é fundamental debido ao envellecemento da poboación, ao predominio das enfermidades crónicas e ao estrés
- Detalles
- Categoría: Balnearios de Galicia
- Published: Domingo, 27 Febreiro 2011 23:00
- Visitas: 693
Esta tarde inaugurouse en Santiago o curso académico da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia
O curso da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia inaugurouse esta tarde na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Ao acto asistiron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Antonio Varela Rey; o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; o codirector da Cátedra, o doutor Luís Rodríguez Míguez; e o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña.
O codirector da Cátedra, o doutor Luís Rodríguez Míguez, impartiu a lección inaugural, centrada na ensinanza da hidroloxía médica ao longo do tempo. Durante a súa intervención destacou que, “nunha primeira fase mitolóxica, o baño era un rito simbólico destinado á limpeza da alma e ao pracer do espírito”.
A esta fase mitolóxica seguiu outra empírica. Heredoto considérase o pai da hidroloxía médica, posto que 450 anos antes de Xesucristo estableceu certos principios fundamentais da cura balnearia, como vinte e un días de cura, a selección das augas segundo as épocas ou a maneira de administrar os baños. No século V antes de Xesucristo, Hipócrates fai descender a Medicina do ceo á terra, separando a práctica relixiosa da médica. Fundamenta que as epidemias non están orixinadas pola ira dos deuses, senón que as situacións de saúde e enfermidade dependen do ambiente. Pola súa parte, os romanos, durante 600 anos, non coñeceron outros remedios terapéuticos que os baños.
Na seguinte fase, de investigación, o doutor Míguez resaltou que os progresos das demais ciencias empezaron a aplicarse aos estudos da hidroloxía médica, dando lugar ao coñecemento de novos elementos e propiedades das augas medicinais. No século XIX, o monfortino Antonio Casares, que fora reitor da Universidade de Santiago, dedicou a maior parte da súa actividade investigadora á hidroloxía e analizou os mananciais de máis sona en Galicia.
Logo segue unha fase de experimentación, na que se afonda nos traballos de investigación para comprobar os mecanismos de acción sobre o organismo dos distintos tipos de augas e dos diversos mananciais. O doutor muradán Antonio Novo Campelo, que foi decano de Medicina e gran publicista do termalismo, publicou “Sobre a auga mineral como axente terapéutico” en 1913. E Jimena Fernández de la Vega dirixiu como médico o balneario de Guitiriz e escribiu varias publicacións sobre as augas termais e a hidroloxía médica.
Nestes intres o termalismo está nunha fase social. Nesta liña, o doutor Míguez manifestou que as curas hidrotermais representan un importante proceder terapéutico, apoiadas por séculos de utilización, pola súa antigüidade e polo enorme progreso da terapéutica actual.
A riqueza das augas mineiromedicinais de Galicia contribúe á saúde da poboación e ao desenvolvemento sustentable da economía galega
Durante a súa intervención, o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña, declarou que nos últimos vintecinco anos cambiou radicalmente a percepción social dos balnearios e do termalismo. “Na actualidade podemos presumir de que a oferta termal galega constitúa un patrimonio de Galicia de gran relevancia internacional. Nesta Segunda Idade de Ouro do Termalismo que parece que estamos a vivir en toda Europa, a comunidade conta con todo o necesario para ter un papel destacado: recurso, profesionais e instalacións. Así, a gran variedade e riqueza das nosas augas mineiromedicinais constitúe un enorme potencial sanitario, social e turístico para o noso país”.
Dende a Asociación de Balnearios de Galicia consideran que “se precisa dun intenso labor de divulgación da acción salutífera dos balnearios, para o que é fundamental que as vindeiras promocións de médicos saian da Facultade de Medicina cun coñecemento de que son as augas minerais, para que tratamentos se pode prescribir cada tipo de auga e, ademais, que coñezan que cada balneario está especializado segundo a composición das súas augas minerais”. Luaña manifestou que a formación en hidroloxía médica resulta especialmente necesaria neste século, caracterizado polo envellecemento da poboación, o predominio das enfermidades crónicas e a vida estresante da sociedade, de xeito que “o termalismo xa non debe concibirse só como unha actividade para a terceira idade”.
“Para potenciar a riqueza das augas mineiromedicinais de Galicia e permitir que contribúa ao avance da saúde da nosa poboación e ao desenvolvemento sustentable da economía galega, precísase un esforzo común entre a Administración, a Universidade e o sector empresarial” -afirmou Luaña-. Nesta liña, destacou a importancia da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, impulsada pola Secretaría Xeral para o Turismo. “Desexo que entre todos saibamos conservar e manter esta Cátedra de Hidroloxía Médica porque esta docencia é fundamental para o futuro das empresas do sector termal pero tamén para o desenvolvemento social e económico de Galicia” -declarou-.