Galicia é líder no sector termal nacional dende o século XIX, tanto en número de balnearios como de visitantes, tal como se recolle nun libro presentado hoxe en Santiago

acto_libro_balnearios_webTrátase da primeira publicación que reúne a historia dos balnearios galegos

Esta tarde presentouse no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, o libro “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia, 1700-1936”. Esta publicación é froito dun convenio asinado en 2007 entre a Asociación de Balnearios de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia. En virtude deste acordo, o equipo de investigadores dirixido polo profesor Luís Alonso Álvarez, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña, realizou un estudo sobre a historia dos balnearios galegos, que adaptou para a súa publicación a editorial Galaxia.

Ao acto asistiron o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o autor da publicación, Luís Alonso; o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, Javier Garbayo; o presidente da Cámara Mineira de Galicia, Francisco Aréchaga; e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.

Na publicación destácase que “Galicia soubo aproveitar dende sempre a riqueza potencial das súas augas mineiromedicinais, tal como se recolle nas obras clásicas de médicos e químicos ilustrados, converténdose nunha das comunidades líderes tanto en número de balnearios como en visitantes dentro do conxunto español”. As estatísticas revelan que Galicia acadou esta posición hexemónica no século XIX, cando naceron os primeiros balnearios “modernos”, e xa non a abandonou ata os nosos días, mesmo nas etapas de crise do sector.

Dos pequenos balnearios familiares ás grandes vilas termais

Outro dos aspectos que resalta o libro é o cambio na hexemonía interna dos balnearios galegos ao longo da historia. Así, as primeiras casas de baños decimonónicas foron impulsadas por familias adiñeiradas, políticos ou próceres locais que seguían a moda ilustrada da época. Segundo os investigadores, caracterizábanse polo seu pequeno tamaño, escasa variedade nos tratamentos e capacidade de aloxamento reducida.

No ocaso do século XIX chegaron os proxectos de vilas termais, que necesitaban de formas societarias máis complexas e un maior investimento de capital. Destacaron A Toxa e Mondariz, que convivían con outros balnearios máis modestos, que foron instalando de maneira progresiva nestes anos os seus pequenos hoteis e gabinetes hidroterápicos.

A finais do século XX non había un prototipo de empresa balnearia en Galicia. Os establecementos de carácter familiar que lograran sobrevivir ás esixencias do mercado durante máis de dúas centurias coexistían con grandes cadeas hoteleiras que transformaran os vellos balnearios en modernas instalacións termais.

Os factores que determinaron a supervivencia e a evolución dos balnearios galegos ao longo do tempo

Na publicación recóllense os factores que determinaron a supervivencia e a evolución dos balnearios ao longo do tempo. “Ademais da calidade e variedade das augas medicinais galegas, a dispoñibilidade de capital, xunto coa localización e as infraestruturas de transporte resultaron claves para os establecementos. Os avances na medicina, a hixiene e os tratamentos e técnicas balnearias esixiron un continuo e anovado esforzo investidor” -destácase-. Por outro lado, os investigadores poñen de manifesto que, no longo prazo, a propiedade privada do balneario resultou moito máis eficiente que a pública ou que a multipropiedade veciñal, tanto á hora de dispor de capital como no referente á xestión do negocio.

En canto aos cambios relativos ás características e necesidades dos clientes, no libro ponse de manifesto que “a capacidade de adaptación ás novas demandas resultou fundamental, aínda que o proceso non foi sinxelo”. Así, os “doentes” do século XIX, que peregrinaban ás casas de baños na procura de remedios para os seus males, transformáronse en visitantes non necesariamente enfermos que buscan descanso, relax e outras ofertas lúdicas e culturais.

Os balnearios crearon unha imaxe positiva de Galicia no exterior

O presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Ramón Villares, asina o prólogo do libro. Destaca a relevancia dos balnearios como axentes creadores dunha imaxe positiva de Galicia no exterior, fundada na beleza da súa paisaxe, na bondade dos seus produtos naturais… Por outro lado, o profesor incide na relación dos balnearios coa cultura galega. Así, os establecementos termais foron algo máis que lugar de sociabilidade e de lecer. Foron tamén poderosos centros de creación cultural, mesmo con publicacións propias e con iniciativas editoriais.

“Deseñar hoxe unha nova ollada sobre os balnearios galegos supón entender mellor o conxunto da historia de Galicia. Grazas a estas pesquisas sabemos máis do noso pasado. E, de paso, tamén podemos axudar a construír mellor o presente e o futuro inmediato” -asegura Villares-.