A historia dos balnearios galegos recóllese nunha exposición que percorrerá toda Galicia

expo2_webOs médicos comezaron a receitar aos doentes a terapia das augas no século XVIII

A Asociación de Balnearios de Galicia inaugurou esta tarde no Colexio de Fonseca a exposición “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia”. Permanecerá en Santiago ata o 28 de febreiro e nos vindeiros meses percorrerá as principais cidades galegas. Esta iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración da AEITEGAL -Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia-, da Cámara Oficial Mineira de Galicia e da Universidade de Santiago.

A secretaria xeral para o Turismo Carmen Pardo, presidou o acto de inauguración. Tamén asistiron o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, Javier Garbayo; o comisario da exposición e catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña, Luís Alonso Álvarez; e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor.

Esta mostra ten a súa orixe nun convenio asinado en 2007 entre a Cámara Mineira de Galicia e a Asociación de Balnearios. En virtude deste acordo, o equipo de investigadores que dirixe o profesor Luís Alonso realizou un estudo sobre a historia dos balnearios galegos, centrado no período 1700-1936.

A exposición consta de doce paneis, ademais de cincuenta volumes seleccionados da biblioteca do codirector da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, o doutor Luís Rodríguez Míguez, así como botellas, artigos de cosmética e distintas pezas (vasos, inhaladores…) procedentes algunhas da colección do doutor e outras cedidas por diversos balnearios da comunidade.

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia puxo de manifesto que “esta exposición ten unha enorme relevancia, pois consideramos que cómpre facer unha tarefa de divulgación do termalismo galego dende a perspectiva histórica, cultural, turística e tamén sanitaria, co fin de poñelo en valor”. Benigno Amor resaltou que “se na actualidade Galicia é a comunidade líder en termalismo non se debe só a que haxa unha gran riqueza en augas minerais, senón que tamén resultan fundamentais o esforzo investidor dos empresarios, o apoio da Administración e o recoñecemento social dos balnearios”.

Tal como explica o catedrático e comisario da exposición, Luís Alonso, “dende moito antes da chegada dos romanos, os nosos devanceiros coñecían a influencia dos mananciais termais para as doenzas do corpo e do espírito. A romanización recuperou e potenciou eses lugares. Logo, o derrubamento do Imperio facilitou o abandou de moitos dos establecementos termais, pero non acabou coa memoria popular de tomar as augas para curar as doenzas”.

A principios do século XIX fíxose obrigatorio que os balnearios dispuxesen de directores médicos encargados das terapias

No século XVIII comeza unha recuperación das fontes termais por parte das elites ilustradas, que se estende a outros grupos sociais, producíndose un reencontro entre a cultura das elites e a tradición popular das augas. Isto coincidiu coa publicación dunha ampla literatura sobre baños termais por parte de médicos, que comezaron a receitar aos doentes a terapia das augas.

A primeira regulación no uso das augas termais data de 1816 e dotou os balnearios de normas básicas para a xestión, inspección e uso das instalacións, así como a obriga de dispor de directores médicos encargados das terapias. A partir de 1875 empezaron a construirse hoteis e a oferta de actividades lúdicas atrouxeron a clientes máis acomodados. O enfermo transformouse co tempo en bañista e o espazo de curación en lugar de recreo. Os avances médicos e técnicos impulsaron novos usos da auga, melloraron a hixiene e permitiron a aplicación de tratamentos máis especializados. As técnicas tradicionais (baños, bebida ou embarro) combináronse con outras máis sofisticadas como a inhalación de gases, a pulverización, os chorros e, sobre todo, a aplicación industrial da electricidade á hidroterapia.

Os balnearios tiveron ao longo da historia etapas de luces e sombras. Coa promulgación do Estatuto de Autonomía, en 1981, Galicia asume a competencia exclusiva en materia de augas minerais e termais. Ademais, dispor de competencias turísticas posibilitou sumar fondos públicos aos importantes investimentos privados feitos para a creación e mellora dos balnearios.

A auga mineral como recurso estratéxico de Galicia

En 1985 dez empresarios constituíron a que hoxe é a Asociación de Balnearios de Galicia para representar e promocionar o sector. Na actualidade conta con vinte balnearios asociados, o que representa máis do 90% do sector en Galicia. Ademais, a comunidade é líder nacional, pois representa preto do 20% da oferta.

Ademais, o termalismo galego aglutina a un conxunto de empresas interrelacionadas. Así, en abril de 2010 constituíuse a AEITEGAL -Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia-, integrada por 53 empresas, con máis de 370 millóns de euros de facturación e uns 3.360 empregados. Tamén están asociadas as tres universidades galegas e diversos organismos públicos.

“Tanto a AEITEGAL como o futuro Clúster da Auga Mineral de Galicia están chamados a ser centros xeradores de proxectos cooperativos e innovadores que fagan das augas minerais un recurso estratéxico pola súa contribución á dinamización socioeconómica de Galicia” -declarou Benigno Amor-.