Os tratamentos dos balnearios poden mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos, tal como aseguran expertos médicos reunidos en Santiago

balneoterapia_webO balneario de Guitiriz está a desenvolver un programa pioneiro de coidados integrais a persoas afectadas por cancro, galardoado como iniciativa innovadora de atención a pacientes

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia, esta tarde comezaron na Facultade de Medicina da USC as xornadas sobre “A balneoterapia como tratamento coadxuvante nos procesos tumorais”. Están coordinadas polo doutor Juan Gestal, director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina; e por Manuel Freire-Garabal, profesor do Departamento de Farmacoloxía da Universidade de Santiago. Ademais, ao acto de inauguración asistiron o doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS; o doutor Salvador Ramos, director médico do balneario de Guitiriz; e a doutora Mª Jesús Núñez, directora da Escola de Enfermería da USC.

O doutor Gestal abordou a relación entre o termalismo e a saúde. Na súa intervención puxo de manifesto que “un crecente número de pacientes está a optar por terapias da denominada Medicina Integradora ou Alternativa, como parte do seu plan xeral de tratamento contra o cancro”. Así, ademais das terapias convencionais como a cirurxía, a quimioterapia ou radioterapia, aprovéitanse outros tratamentos como a balneoterapia que poden mellorar a calidade de vida e mesmo o prognóstico da enfermidade. “Estas terapias poden contribuír a loitar contra a fatiga, aliviar as náuseas, diminuír a dor, reducir o estrés, a ansiedade e a depresión e mesmo curar feridas” -afirmou o catedrático-.

A balneoterapia trata de aliviar as secuelas que provocan os tratamentos oncolóxicos e favorecer a recuperación dos enfermos

O director médico do balneario de Guitiriz, o doutor Salvador Ramos, falou sobre a atención integral do paciente oncolóxico. Nesta liña, indicou que nas instalacións do balneario lucense estase a aplicar un programa de coidados integrais a persoas afectadas por cancro, que xa ten sido premiado como iniciativa innovadora de atención a pacientes.

“A enfermidade oncolóxica é un proceso moi longo e complexo. E as necesidades dunha persoa con cancro non se limitan aos tratamentos médicos destinados a curar a enfermidade, senón que despois desta etapa iníciase un lento proceso de recuperación. E en varias das fases da doenza tanto as augas como os tratamentos que se aplican nos balnearios poden ser de moita axuda” -declarou o doutor-. Sinalou que se trata de aliviar as secuelas dos tratamentos oncolóxicos, favorecer a recuperación dos pacientes e axudalos na súa reinserción laboral.

Os expertos resaltan que as persoas que sofren un cancro precisan coidados e atencións durante toda a súa vida

O programa de coidados integrais a persoas afectadas por cancro consiste, en primeiro lugar, en facer unha avaliación completa do paciente, na que participan diferentes especialistas: médicos, fisioterapeutas, profesionais da estética e técnicos de instalacións termais. Valóranse as necesidades que se detectan en cada caso e logo procédese á posta en marcha do programa.

Un dos primeiros pasos é mellorar a imaxe e o estado xeral do enfermo, mediante a aplicación de diversas técnicas que axudan a atenuar as secuelas que deixa o tratamento oncolóxico. Tal como explicou o director médico do balneario de Guitiriz, o doutor Salvador Ramos, hai tratamentos baseados en técnicas de masaxe e de relaxación, por exemplo para axudar a que o paciente se recupere entre ciclo e ciclo do tratamento oncolóxico. E tamén despois de someterse a unha operación cirúrxica, de cara a contribuír a mellorar a súa mobilidade. Pero onde se recoñecen máis útiles as augas e os tratamentos propios das instalacións balnearias son na fase de recuperación, onde ademais hai unha maior demanda por parte dos pacientes.

Por outro lado, os enfermos sométense a un programa específico centrado no aspecto nutricional e na actividade física, de cara a que leven unha vida saudable. Nesta liña, o doutor Ramos asegurou que “está demostrado que cunha boa dieta e exercicio o paciente oncolóxico ten máis posibilidades de recuperarse e de non recaer na enfermidade”. Ademais, hai unha parte divulgativa e de formación do propio paciente e tamén do seu contorno familiar. “A familia adoita vivir a enfermidade de maneira traumática e en moitas ocasións non se sabe como tratar ao enfermo” -resaltou o doutor-.

“É un concepto moi integral, que non se limita só aos pacientes, senón tamén ao seu contorno, e non é estritamente terapéutico posto que se abordan outras perspectivas de tratamento” -explicou o doutor Ramos-. O experto puxo de manifesto a importancia deste tipo de programas porque “as persoas que sofren un cancro precisan coidados e atencións durante toda a súa vida”.

Mañá mércores, 26 de xaneiro, continúan as xornadas con dúas conferencias. Por un lado, ás 19:30 horas, o codirector da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o doutor Luís Rodríguez, abordará a importancia actual dos balnearios. Pola súa parte, ás 20:15 horas, a doutora Elena Gallardo, do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, tratará os coidados que se poden levar tras sufrir un cancro de colon. As xornadas clausúranse o xoves no balneario de Guitiriz.