A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago aborda os efectos beneficiosos da balneoterapia aplicada aos procesos tumorais

balnearios_webOs tratamentos termais axudan a loitar contra a fatiga, alivian as náuseas, diminúen a dor, o estrés, a ansiedade e a depresión que sofren os pacientes con cancro

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia vai celebrar esta semana unhas xornadas de investigación no eido da balneoterapia. O ciclo de conferencias inaugúrase mañá mércores na Facultade de Medicina da USC e prolongarase ata o vindeiro venres, 3 de decembro. O último día a xornada desenvolverase no balneario Termas de Cuntis.

 

O director da Cátedra é o doutor e catedrático Juan Gestal Otero, xefe do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Sinala que un crecente número de pacientes está a optar por terapias de Medicina Integradora ou Alternativa, como parte do seu plan xeral de tratamento contra o cancro. Nesta liña, explica que, ademais das terapias convencionais como a cirurxía, a quimioterapia ou a radioterapia, aprovéitanse outros elementos que contribúen a mellorar a calidade de vida e mesmo o prognóstico da enfermidade.

A balneoterapia contribúe a mellorar a saúde e a calidade de vida dos enfermos

Tal como asegura o doutor Gestal, as terapias da Medicina Integradora poden axudar a loitar contra a fatiga que causa a doenza, aliviar as náuseas, diminuír a dor, reducir o estrés, a ansiedade e a depresión e mesmo contribúen a curar feridas. Por outro lado, tamén se coñecen certos efectos biolóxicos destas terapias alternativas, por exemplo sobre as proteínas de choque térmico, que son aquelas que producen as células como resposta a unha situación de estrés, como pode ser a propia enfermidade. Ademais, o doutor destaca a acción antioxidante das augas termais sobre o sistema inmunitario, así como a posibilidade de eliminar toxinas do colon mediante lavados.

A balneoterapia, nas súas diferentes abordaxes, pode, segundo os expertos, proveer aos pacientes afectados dun cancro dunha serie de elementos que melloren a súa saúde e calidade de vida. De tódolos xeitos, o doutor Gestal insiste en que estas terapias alternativas “non deben substituír en ningún caso aos protocolos terapéuticos, que teñen conseguido que, en moitos casos, o cancro se teña convertido nunha enfermidade curable ou nun proceso crónico con mortalidade moi prolongada no tempo”.

Expertos en Medicina abordarán os efectos beneficiosos dos tratamentos termais en diferentes procesos terapéuticos

As xornadas comezan mañá mércores, 1 de decembro, na aula Castelao da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Ás 19.30 horas, o director da Cátedra, o doutor Gestal, abordará a relación entre o termalismo e a saúde na sociedade actual. De seguido, o profesor da USC Manuel Freire-Garabal fará referencia á importancia psiconeuroinmunolóxica da balneoterapia.

Na xornada do xoves, Silvia Novío, profesora do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña, achegarase aos efectos biolóxicos dos tratamentos termais sobre o cancro. Pola súa parte, a doutora Elena Gallardo, do servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, informará sobre os coidados que pode realizar un paciente tras sufrir un cancro de colon.

A última xornada, que terá lugar o venres día 3, celebrarase no balneario Termas de Cuntis, a partir das 17:00 horas. María Jesús Núñez, profesora de Enfermería da Universidade de Santiago, tratará o efecto antioxidante da auga mineiromedicinal sulfurada e a súa repercusión sobre o sistema inmunitario. Por último, o codirector da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e Balnearios de Galicia, o doutor Luís Rodríguez, referirase á importancia actual dos balnearios no eido da saúde. Ademais, os participantes na xornada terán a oportunidade de facer un percorrido polas instalacións do balneario de Cuntis.

Os estudantes das titulacións de Medicina, Odontoloxía e Enfermería que asistan a estas xornadas recibirán un crédito de libre configuración.