O sector termal galego reuniuse esta mañá na illa da Toxa para celebrar o 25 aniversario da Asociación de Balnearios de Galicia

Garaloces_webOs 20 balnearios integrados na Asociación ofrecen 2.744 prazas hostaleiras, facturan 67 millóns de euros e xeran 1.350 postos de traballo directos

A Asociación de Balnearios de Galicia creouse no ano 1985. Con motivo do seu 25 aniversario, esta mañá celebrouse un acto na illa da Toxa, no Gran Hotel La Toja, no que se rendeu homenaxe aos socios fundadores. Entre as autoridades asistentes destacou a presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad; a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López; e a secretaria xeral da consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos.

 

Na actualidade a Asociación representa ao 95% do sector en Galicia, con 20 balnearios asociados: Carballo, na provincia da Coruña; Augas Santas (Pantón), Guitiriz, Lugo e Río Pambre (Palas de Reis), en Lugo; Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño, Partovia (O Carballiño) e Sousas (Verín), en Ourense; e Acuña e Dávila (ambos en Caldas de Reis), Cuntis, Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hesperia Isla de la Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz, en Pontevedra.

Os balnearios galegos como modelos de empresas sostibles

O presidente da Asociación, Rafael Luaña de la Viña, destacou que “a nosa oferta termal constitúe, despois do Camiño de Santiago, o produto turístico galego con maior potencial internacional, ao tempo que Galicia é destino termal de referencia en España”. Así, os balnearios integrados na Asociación ofrecen 2.744 prazas hostaleiras, xeran 1.350 postos de traballo directos e facturan 67 millóns de euros (datos correspondentes a 2009). Ademais, o presidente manifestou que “os balnearios están a ofrecer á sociedade un modelo de empresa sostible, posto que non comprometen o futuro do recurso, melloran a calidade de vida dos seus usuarios, contribúen a fixar poboación nas zonas nas que se implantan a través da xeración de emprego e, en definitiva, dinamizan dende o punto de vista social e económico as comarcas nas que se sitúan”.

Durante o acto impúxoselles a insignia de ouro da Asociación aos dez socios fundadores. Trátase dos responsables dos balnearios de Caldelas de Tui, Caldas de Partovia, Mondariz, Carballo, Arteixo, Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño, Termas Romanas de Lugo, Agua de Sousas e Gran Hotel La Toja.

O sector termal agarda que o Sergas dea cobertura a curto prazo aos tratamentos terapéuticos que ofrecen os balnearios

Como representante dos socios fundadores, Antonio Garaloces Paz, propietario de Termas de Lugo e vicepresidente da Asociación, lembrou que “hai 25 anos, un grupiño de empresarios do sector reunímonos na illa da Toxa e daquela xuntanza  xurdiu a Asociación de Balnearios de Galicia, a segunda que se creaba en España logo da catalá. Daquela a maioría dos balnearios abrían só tres ou catro meses ao ano, permanecían pechados no inverno, o que supoñía grandes custos de posta a punto na súa reapertura así como a aprendizaxe constante do persoal. Non eran rendibles e era difícil convencer ao empresario para que investise en infraestrutura porque o futuro era realmente incerto”.

Garaloces explicou que o que os animou a unirse nunha Asociación foi “o convencemento absoluto do noso potencial, da calidade das nosas augas como factor terapéutico”. Nesta liña, sinalou que en Europa xa entón as curas balnearias sufragábaas en parte a Seguridade Social, pero “en Galicia aínda estamos a esperar a oportunidade de demostrar que a cura balnearia mellora en moitos casos a calidade de vida dos termalistas, co consecuente aforro do gasto farmacolóxico”. E, neste sentido, manifestou que teñen depositadas moitas ilusións na recén creada Cátedra de Hidroloxía Médica coa Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, a segunda que existe en España.

“O futuro do termalismo galego comeza a pintar claro. Agardamos que a curto prazo as autoridades sanitarias galegas dean o paso para a cobertura a través do Sergas dalgunhas patoloxías crónicas, rehabilitacións postraumáticas, afeccións respiratorias, prevención... En definitiva, de todo aquilo para o que está especialmente indicada a cura balnearia” -declarou o vicepresidente-.

En relación ao futuro do sector, Garaloces destacou “a necesidade de incidir na protección eficaz dos nosos mananciais, traballando de maneira conxunta coa Dirección Xeral de Industria”, así como a creación do Clúster de Augas Minerais, que axiña será unha realidade e sumarase á recén constituída Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL-.

A historia dos balnearios de Galicia, recollida nunha exposición

Durante o acto inaugurouse a exposición “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia”, unha mostra que percorrerá a comunidade galega de xeito itinerante e coa que se pretende dar a coñecer a evolución dos establecementos termais en Galicia ao longo do tempo. O comisario desta exposición é o profesor Luis Alonso Álvarez, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade da Coruña.