A Asociación de Balnearios de Galicia celebra o seu 25 aniversario cun acto no que se homenaxeará aos socios fundadores

gran_hotel_latoja_webO evento, que terá lugar o vindeiro 27 de novembro na illa da Toxa, reunirá a representantes dos establecementos balnearios de toda a comunidade

A Asociación de Balnearios de Galicia, que se creou en 1985, celebra este ano o seu 25 aniversario. Con motivo desta conmemoración, organizarase un acto no que se renderá homenaxe aos socios fundadores. Será o vindeiro sábado 27 de novembro, na illa da Toxa, no Gran Hotel La Toja.

 

No evento participará o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña; o xerente da Asociación, Benigno Amor Barreiro; e Antonio Garaloces Paz, propietario de Termas de Lugo, como representante dos socios fundadores; ademais das autoridades.

Aos dez socios fundadores imporáselles a insignia de ouro da Asociación. Trátase dos responsables dos balnearios de Caldelas de Tui, Caldas de Partovia, Mondariz, Carballo, Arteixo, Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño Termas Romanas de Lugo, Aguas de Sousas e Gran Hotel La Toja.

Tal como lembra o xerente da Asociación, Benigno Amor, “logo dunha época de crise ao termo da Guerra Civil, á que non foi allea tampouco o boom do turismo de sol e praia, en 1985 dez empresarios do sector termal constituíron a Asociación Galega da Propiedad Balnearia, coa finalidade de representar e promocionar ao sector termal galego”.

O xerente da Asociación destaca que na década dos 90, como resultado do esforzo dos investidores privados e das axudas da Xunta de Galicia, diversos balnearios galegos lanzáronse á reforma e á ampliación das súas instalacións, tanto hostaleiras como de balnearios. Por esa época tamén se construíron balnearios de nova planta como os hoteis balnearios de Arnoia, Laias, Lobios, Illa da Toxa, Augas Santas e Río Pambre; e instalacións termais como o Palacio da Auga de Mondariz, o Acquaform de Cuntis e o Alvea de Arnoia Caldaria.

Os balnearios galegos están situados na súa maioría na Galicia interior, en particular en zonas rurais con tendencias similares: despoboamento, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario. “Esta ubicación converteunos en importantes dinamizadores socioeconómicos das súas comarcas” -afirma Amor-.

Galicia é na actualidade un referente de prestixio no turismo termal

“Ese constante afán de mellora na calidade permite falar dunha etapa de renacemento e popularización dos balnearios en Galicia, que borrou por completo a súa imaxe decadente” -afirma Benigno Amor-. Resalta que, na actualidade, os balnearios galegos dispoñen dunhas instalacións modernas nas que traballan profesionais cada vez mellor cualificados. “Esta situación, unida á calidade das augas mineiromedicinais e á garantía que supón para o consumidor o sometemento a unha estrita normativa, está a converter a Galicia nun referente de prestixio no ámbito do turismo termal” -manifesta o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia-.

A historia dos balnearios de Galicia a través dunha exposición itinerante que percorrerá toda a comunidade

Durante o acto de conmemoración do 25 aniversario da Asociación, tamén se inaugurará a exposición “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia”, unha mostra que percorrerá a comunidade galega de xeito itinerante e coa que se pretende dar a coñecer a evolución dos establecementos termais en Galicia ao longo do tempo. O comisario desta exposición é o profesor Luis Alfonso Álvarez, catedrático da Universidade da Coruña.