Expertos reunidos en Mondariz destacan que Galicia está a vivir unha etapa de rexurdimento e popularización dos balnearios, debido á súa modernización e á variedade das augas minerais

PALACIO_DEL_AGUAO presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, declarou que a emigración galega supuxo “un dos fenómenos máis influíntes no progreso dos balnearios”

O Balneario de Mondariz clausura esta tarde o encontro “Revisando o pasado para reinventar o futuro: o turismo termal de Galicia en perspectiva histórica, 1800-2010”, que se vén desenvolvendo dende o luns. O evento está promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, en colaboración coa Asociación de Balnearios de Galicia e o Balneario de Mondariz.

 

Na xornada de hoxe interviu, entre outros expertos, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor Barreiro, que se centrou na importancia do turismo termal en Galicia na actualidade e tamén participou nunha mesa redonda sobre o futuro do sector. Segundo os seus datos, na comunidade galega existe unhas 300.000 surxencias de auga, o que representa unha surxencia por hectárea ou unha por cada dez habitantes. Destas surxencias están catalogadas 314 captacións de auga mineral, unha pequena porcentaxe das cales surten aos 20 balnearios e ás 10 plantas embotelladoras de augas minerais.

O xerente da Asociación de Balnearios sinalou que o termalismo susténtase na hidroterapia, combinada con elementos da medicina tradicional. Indicou que pode cumprir catro funcións: a curación de enfermidades, a prevención das mesmas, o mantemento ou posta en forma, ademais do benestar físico e psíquico. E destacou a existencia de catro tipos de termalismo: o infantil, de carácter preventivo; o deportivo, destinado á posta a punto e recuperación; o empresarial, de cara a evitar baixas laborais; e o termalismo de terceira idade, que busca tanto mellorar a calidade de vida como a curación de certas doenzas.

Amor puxo de manifesto que Galicia está inmersa na actualidade “nun proceso de

renovación e ampliación das súas instalacións termais e no desenvolvemento de novas liñas de negocio, coa introdución de novas técnicas termais para satisfacer unha demanda cada vez máis esixente e complexa”. Nesta liña, declarou que “estamos a vivir unha etapa de rexurdimento e popularización dos balnearios en Galicia, debido á calidade e variedade das augas minerais, á modernización das instalacións, ao traballo de profesionais cada vez máis cualificados, xunto coa garantía que supón para o consumidor a suxeición a unha estricta normativa”.

Os 20 balnearios que integran a Asociación de Balnearios de Galicia representan preto do 20% do conxunto das instalacións en España

Os 20 balnearios que integran a Asociación de Balnearios de Galicia representan preto do 20% do conxunto das instalacións termais de toda España. Na provincia da Coruña está o balneario de Carballo. En Lugo as Termas Romanas, Augas  Santas (Pantón), Guitiriz e Río Pambre (Palas de Rei); en Ourense Baños de Molgas, Carballiño, Partovia (O Carballiño), Sousas (Verín), Arnoia, Laias (Cenlle) e Lobios; e en Pontevedra Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Baños da Brea (Vila de Cruces), Termas de Cuntis, Gran Hotel La Toja, Hesperia Isla de La Toja, Mondariz e Caldelas de Tui.

Villares destacou que “os balnearios teñen sido especialmente importantes para a creación dunha imaxe de Galicia positiva e nova”

No evento interviu tamén o catedrático da Universidade de Santiago e presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares Paz, que fixo unha reflexión sobre as augas mineiromedicinais e os establecementos balnearios da comunidade. En referencia a tempos pasados, distingue dúas finalidades dos centros termais. En primeiro lugar, a terapéutica, xa que “dende antano é sabido que as propiedades das súas augas contribúen á mellora da saúde”. Por outro lado, a que favorece o coidado do espírito, practicada xa pola burguesía do século XIX, debido á súa consideración como “lugares de sociabilidade” da época.

O catedrático destacou o papel fundamental que ten desempeñado neste eido a emigración galega, á que considera “un dos fenómenos máis influíntes no progreso dos balnearios”, xa que algúns dos emigrantes retornados apreciaban a riqueza das augas da súa terra e decidiron sacarlle proveito, contribuíndo así ao desenvolvemento do territorio.

Villares declarou que “os balnearios teñen sido especialmente importantes para a creación dunha imaxe de Galicia positiva e nova”, xa que favorecen a paisaxe de natureza, cumprindo un papel trascendental respecto á creación dunha identidade nacional. Así, a finalis do século XIX a paisaxe que identificaba Galicia espertaba un grande interese, tal como o teñen plasmado pintores, fotógrafos e mesmo os deseñadores de carteis.

Por outro lado, o experto resaltou que os balnearios non ofrecen só espazos naturais ou propiedades curativas, senón que tamén teñen sido puntos de encontro que teñen contribuído ao desenvolvemento da sociedade e cultura galegas, como mecanismo de integración das elites políticas e sociais.