Os balnearios galegos aportarán pezas antigas á exposición “Auga doce”, que se instalará na Cidade da Cultura, como bañeiras, inhaladores, palanganas, cuspideiras e ata billas

O xerente da Asociación de Balnearios de Galicia forma parte do comité científico da mostra

Ademais, a Cidade da Cultura e os balnearios integrados na Asociación intercambiarán visitantes ao longo do ano

A Asociación de Balnearios de Galicia asinou un convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e difusión das actividades que desenvolven as dúas entidades. Destaca a colaboración para “Auga Doce”, a nova exposición da Cidade da Cultura que xirará arredor dos recursos dos que dispón o territorio galego vencellados á auga doce. A mostra, que se poderá ver no Museo Centro Gaiás, inaugurarase o 21 de marzo e permanecerá ata o mes de setembro.

Froito deste acordo, a Consellería promocionará a actividade do sector termal galego en xeral e da Asociación de Balnearios en particular, no marco do calendario de actividades de 2014 da Cidade da Cultura, en especial no programa de visitas familiares que se estableza. Pola súa parte, a Asociación de Balnearios difundirá os proxectos do Gaiás, facilitando ademais bonos regalo de acceso ás súas instalacións termais para os visitantes da exposición “Auga Doce”. 

O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, forma parte do comité científico do proxecto “Auga Doce”. Un dos apartados da exposición céntrase na “auga agochada”, onde haberá un espazo dedicado ás augas minerais que utilizan os balnearios e as plantas envasadoras de auga mineral natural.

En relación a esta mostra, varios balnearios galegos aportarán pezas vencelladas á cultura termal na nosa comunidade. Así, o balneario de Cuntis cederá un cartel antigo do balneario e unha bañeira de mármore de 350 kg. O balneario de Mondariz ofrecerá varios carteis, algúns deles feitos con azulexos, anunciando os beneficios das augas mineiromedicinais de Mondariz; xunto con vellas fotografías das súas fontes. O balneario de Caldelas de Tui aportará unha cuspideira de louza e dous vasos que se empregaban para tomar as augas en épocas pasadas, unha palangana de zinc, un desinfectante e billas antigas.

O balneario ourensán de Cortegada porá a disposición da mostra varias fotografías do balneario correspondentes aos séculos XIX e XX. E as Termas Romanas de Lugo cederán un inhalador de porcelana de Sargadelos e unha ara romana na que se conserva unha inscrición.

As publicacións máis emblemáticas da historia do termalismo e ata moedas antigas

O doutor Luís Rodríguez Míguez, codirector da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, aportará unha colección de peinadores, unha moeda acuñada polo balneario de Mondariz no século XIX. E da súa biblioteca persoal cederá a publicación “Historia universal das fontes minerais de España” (1765), de Gómez de Bedoya, médico da Ilustración. Tamén ofrecerá o libro “Hidroloxía médica de Galicia” (1877), do médico galego Nicolás Taboada Leal, onde se recollen as augas mineiromedicinais das catro provincias.

Por último, o doutor Míguez prestará o “Tratado práctico de análise química das augas mineirais e potables” (1866), unha obra do químico galego e antigo reitor da Universidade de Santiago Antonio Casares. Esta publicación contén as fontes de auga mineral máis notables da España da época, xunto coa súa composición, as doenzas para cuxa curación se aplicaban e mesmo o número de enfermos que acodían anualmente a cada unha delas.