A riqueza termal de Galicia atraería a usuarios doutros países se os tratamentos que se aplican nos balnearios estivesen recoñecidos polo Sergas

clausura_webAproveitaríanse da existencia dunha Directiva europea de asistencia sanitaria transfronteiriza

Galicia ten o 15% dos mananciais de auga mineirmedicinal, o 18% dos balnearios e o 10% das plantas de envasado de auga de España

O curso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia clausúrase esta tarde. Será ás 18:30 horas, na aula 4 do edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Ao acto asistirá o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; xunto coa directora médico dos balnearios de Caldaria Termal e coordinadora docente desta iniciativa, Dolores Fernández Marcos. Acudirán ademais varios directores médicos de diferentes establecementos termais da comunidade.

A Cátedra leva dende 2009 formando a futuros médicos neste eido, algo máis dun centenar cada curso. Xunto coas clases teóricas, os alumnos realizan prácticas en balnearios, o que lles permite coñecer como os facultativos dos centros termais aplican diferentes técnicas para o tratamento de certas doenzas. No marco deste acto, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, tratará os requisitos que se deben cumprir para que unha auga sexa declarada como mineiromedicinal pola Administración galega, requisito imprescindible para que un establecemento adquira a condición de balneario.

Amor salienta que Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. A comunidade galega conta con máis de 300 mananciais, o que representa o 15% do conxunto do país. Esta situación deu lugar a unha industria moi activa vinculada á explotación de augas minerais, con 21 balnearios, o 18% do total nacional, e 10 plantas de envasado de auga mineral natural, o 10% das que existen en toda España. Amor manifesta que “estas industrias están a crear riqueza en zonas do interior de Galicia, na súa maioría zonas rurais caracterizadas pola despoboación, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario”.

O xerente de Balnearios declara que hoxe podemos presumir de que Galicia estea a liderar o sector en España. Non obstante, remarca a competencia desleal de certos establecementos como os mal denominados “balnearios urbanos”, que ofrecen auga da billa en lugar de auga mineiromedicinal. E as “pozas termais”, que empregan a auga mineral sen cumprir a normativa sectorial e sen garantías sanitarias para os usuarios.

“A lexislación esixe que o uso tópico das augas mineiromedicinais se faga nun balneario debido a que estas augas, aínda que teñen efectos beneficiosos para a saúde, tamén teñen contraindicacións, polo que deben empregarse baixo vixilancia médica e cumprindo os correspondentes controis sanitarios. A imaxe exterior que se está a proxectar de Galicia e do seu termalismo responde a un modelo importado do Xapón que nada ten que ver coa tradición e a cultura termal europea propia dos balnearios galegos” -remarca Amor-.

A potenciación do termalismo terapéutico conlevaría a diminución do consumo de fármacos e do gasto sanitario

O xerente de Balnearios sinala que o futuro do sector termal galego pasa a curto prazo polo termalismo terapéutico, é dicir, por poñer en valor o uso das augas minerais como hábito saudable para promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas a través de tratamentos respiratorios, dixestivos, dermatolóxicos e do aparato locomotor. “A potenciación do termalismo terapéutico conlevaría a diminución do consumo de fármacos e, en consencuencia, do gasto sanitario” -asegura-.

Ademais, Amor afirma que cómpre aproveitar a existencia dunha Directiva europea de asistencia sanitaria transfronteiriza, que regula o reembolso dos gastos ocasionados ao recibir tratamento noutro Estado membro. “Supón unha oportunidade para Galicia, xa que en moitos países da Unión Europea, como Alemaña, Francia ou Italia, os tratamentos en  balnearios están incluídos dentro das prestacións da Seguridade Social” -indica-. “Pero para poder atraer a termalistas destes países cómpre realizar máis investigación no eido da hidroloxía médica e conseguir que os tratamentos en balnearios entren na carteira de servizos complementarios do Servizo Galego de Saúde”.

Entre os séculos XVI e XVIII xa se estudaron os mecanismos de acción das distintas augas no organismo

Pola súa parte, o doutor Luís Rodríguez Míguez, codirector da Cátedra, pronunciará unha conferencia, na que afondará na importancia e evolución dos balnearios galegos. Abordará as principais figuras médicas e doutras disciplinas que exerceron a súa influencia no desenvolvemento da hidroloxía médica en Galicia. Destaca o caso particular do químico galego Antonio Casares, que dedicou boa parte da súa actividade investigadora a este campo e analizou as augas dos mananciais que na súa época tiñan máis sona.

O doutor Míguez fará un percorrido pola historia da hidroloxía vencellada á saúde dende a época dos romanos. Destaca que xa entre os séculos XVI e XVIII se estudaron os mecanismos de acción das distintas augas no organismo. E indica que “o termalismo é un método para protexer e recuperar a saúde”. Nesta liña, asegura que “as curas termais periódicas garanten unha mellor calidade de vida”.