En Galicia a maioría dos usuarios do Programa de Termalismo Social do Imserso son mulleres de entre 65 e 75 anos, que padecen artrose ou artrite

maiores_webNesta iniciativa participan 17 balnearios galegos, 6 da provincia de Pontevedra, 5 de Ourense, 4 de Lugo e 2 da Coruña

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia organiza esta tarde unha conferencia centrada no Programa de Termalismo Social do Imserso. O encargado de impartila será o doutor Santiago Reinoso Hermida, que posúe unha longa traxectoria como facultativo en diferentes balnearios da comunidade. Celebrarase na aula 4 do edificio docente Roberto Novoa Santos, a partir das 18:30 horas.

O doutor sinala que a través desta iniciativa proporciónase aos pensionistas o acceso a prezos reducidos aos balnearios, en particular a aquelas persoas que por prescrición facultativa precisan os tratamentos que se prestan nos centros termais. Isto inclúe o recoñecemento médico ao ingresar no balneario, co propósito de determinar os tratamentos e as técnicas máis axeitadas a cada caso.

“Non hai un tratamento estándar, senón individualizado, en función das características de cada paciente e da patoloxía que padece” -apunta Reinoso-.  Segundo o doutor, a maioría dos usuarios que participan nesta experiencia son mulleres en idades comprendidas entre os 65 e os 75 anos.

Búscase promover o envellecemento activo da poboación

As patoloxías máis comúns son as enfermidades dexenerativas do aparato locomotor, sobre todo a artrose, e as de tipo reumatolóxico, en particular a artrite reumatoide. O doutor Reinoso explica que, para combater estas doenzas, os balnearios ofrecen unha combinación de tratamentos e técnicas de baños como hidromasaxe, aeromasaxe, duchas circulares ou piscinas, entre outras.

Así mesmo, aplícanse masaxes e diferentes tratamentos de rehabilitación, xunto con fangos e peloides termais. Por vía respiratoria fanse nebulizacións e duchas nasais. E algúns establecementos termais tamén proporcionan a cura hidropínica, que consiste na inxesta vía oral da auga mineiromedicinal para tratar certos trastornos, en concreto do aparato dixestivo.

“O obxectivo principal do programa é promover o envellecemento activo da poboación. Ademais, búscase a dinamización económica das zonas nas que se sitúan as diferentes estacións termais” -afirma o doutor-.

Tal como salienta o doutor Reinoso, os usuarios deste programa non poden padecer trastornos mentais graves que alteren a convivencia nos establecementos, nin ningunha enfermidade infecto-contaxiosa. Teñen que valérense por si mesmos, precisar os tratamentos termais solicitados e carecer de contraindicación médica para recibilos.

A participación neste tipo de programas require unha valoración previa das solicitudes, de acordo cunha serie de variables. Destaca en particular o grao de necesidade de recibir os tratamentos termais, a situación económica, a idade, non ter gozado de praza en anos anteriores ou ser membro dunha familia numerosa.

Balnearios galegos participantes

Nesta edición do Programa de Termalismo Social do Imserso participan un total de 17 balnearios da comunidade. Na provincia da Coruña colaboran o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo, xunto cos de Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Rei). Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios e o do Carballiño. E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui e o Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja.