En Galicia xa se empregaban as augas mineiromedicinais con fins terapéuticos antes da chegada dos romanos, en baños e saunas

doctor_carroNa actualidade os tratamentos termais poden ser máis efectivos que os farmacolóxicos para abordar doenzas crónicas, e sen efectos secundarios

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia organiza esta tarde unha conferencia centrada na evolución histórica do termalismo na comunidade galega. O encargado de impartila será o doutor José Carro Otero, presidente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e profesor da USC. Celebrarase na aula 4 do edificio docente Roberto Novoa Santos, a partir das 18:30 horas.

O doutor Carro salienta que existen indicios de que xa na época prerromana en Galicia se empregaban as augas mineiromedicinais con fins terapéuticos. “Os romanos deixaron referencias escritas que así o atestiguan” -manifesta-. Contaban con baños nos que alternaban auga fría con auga quente e mesmo tiñan cámaras de sudoración, similares ás saunas actuais.

“Segundo estas referencias, estes antigos poboadores eran uns apaixonados dos baños fríos, ata lavaban en auga fría aos bebés recén nacidos, posiblemente a xeito de estímulo para que se lles disparase o reflexo que inicia a respiración. E, por outro lado, untábanse o corpo con aceites como complemento á acción sanadora das augas” -sinala o doutor-.

Estas prácticas prerromanas mantivéronse ao longo do tempo en Galicia ata chegar á época actual, a través da medicina popular

Tal como apunta o doutor, estas prácticas prerromanas mantivéronse ao longo do tempo en Galicia ata chegar á época actual, a través da medicina popular. “Destaca a aplicación da auga con poder fecundante, de xeito que nalgúns lugares atribúeselle ao baño a capacidade de favorecer o embarazo en mulleres estériles, como o afamado “baño das nove ondas” na praia da Lanzada. Cos mesmos efectos descubríronse unhas augas dun regato en Viana do Bolo” -afirma o presidente da Academia de Medicina-.

O doutor Carro resalta que, segundo a medicina popular, algunhas augas frías de manancial teñen poderes curativos. Por esta razón moitos destes mananciais complementáronse coa construcción dunha igrexa ao seu carón. E a estes lugares aínda acode a xente a beber a auga para curar determinadas doenzas por vía interna. E tamén se fai o lavado de certas partes do corpo para tratar afeccións da pel ou dos oídos, entre outras.

Os romanos estenden o uso das augas quentes

Coa chegada dos romanos a Galicia ponse en valor o uso das augas quentes, debido á gran cantidade de manancias de augas mineiromedicinais que existen na comunidade. “Trátase de mananciais naturais dos que brota auga quente cunha composición, olor e temperatura determinados. E dos que se obtiñan beneficios para abordar doenzas dos ósos e das articulacións ou problemas da pel, entre outros” -sinala José Carro-. O doutor afirma que ésta é a verdadeira balneoterapia, as coñecidas na época romana como aquae, fronte ás termas, que empregaban auga común que se quentaba cun forno subxacente baixo o solo. En Galicia atopáronse restos arqueolóxicos destas termas, que na súa maioría tiñan carácter privado, en diversos lugares, mesmo no subsolo da catedral de Santiago.

O doutor apunta que na Idade Media a cultura da auga decae en Galicia. O uso das augas mineiromedicinais dos mananciais restrinxiuse aos lugareños. E esta situación prolongouse ata o século XIX, momento no que os balnearios se popularizan de novo.

No século XX prodúcese outra vez unha caída, que se inicia nos anos 30 e se mantén ata a década dos 70. “Isto foi debido a que a industria farmacéutica lanzou medicamentos que competían coas indicacións propias dos balnearios e á poboación resultáballe máis cómodo medicarse que acudir a un centro termal” -sinala o doutor-. Pero nos anos 70 empézase a tomar conciencia de que, no caso das doenzas crónicas, o beneficio do tratamento farmacolóxico non supera ao hidrolóxico e, ademais, en moitas ocasións, os medicamentos teñen contraindicacións que poden resultar prexudiciais para a saúde.