Investigadores galegos logran mellorar a psoríase con peloides termais, un produto natural máis económico que os tratamentos convencionais e sen efectos secundarios

peloides_webColaboran con balnearios de Galicia, España e Portugal na elaboración destes produtos, tamén indicados para lesións deportivas

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia organiza esta tarde unha conferencia centrada na aplicación dos peloides termais. A investigadora da Universidade de Vigo Lourdes Mourelle abordará, no edificio docente Roberto Novoa Santos, o valor terapéutico destes produtos naturais.

Os peloides son produtos terapéuticos novidosos que se empregan nos balnearios dende hai moi poucos anos. A investigadora explica que xorden da mestura dun compoñente sólido, como arxilas ou turbas, con auga mineiromedicinal. O resultado é unha especie de barro que se aplica sobre a pel, na zona que se vai tratar. Actúan como axentes termoterápicos, é dicir, que se aproveita o calor que emiten para abordar determinadas enfermidades e lesións.

“Os peloides son produtos exclusivos porque as augas dos balnearios teñen unha composición e unhas propiedades diferentes, o que os fai distintos uns doutros” -destaca Mourelle-. Así, segundo as súas características físico-químicas, cada peloide úsase para fins concretos, sobre todo para combater doenzas dermatolóxicas e reumatolóxicas, en particular lesións deportivas.

A súa principal aplicación son as doenzas dermatolóxicas, xa que “hidratan e rexeneran as células da pel” -indica a experta-. Utilízanse para facer fronte á psoríase e á dermatite atópica dos nenos. A Universidade de Vigo colabora co balneario Isla de La Toja na realización de estudos que corroboran os beneficios terapéuticos dos peloides neste eido. Así, teñen demostrado que os pacientes afectados de psoríase melloran de maneira significativa o arroibamento, a inflamación e a escamación da pel. Ademais, nos nenos que padecen dermatite atópica desaparece o picor da pel no 99,9% dos casos. Os peloides tamén son moi efectivos para combater o acné, a dermatite seborreica e para restaurar a pel afectada por cicatrices e queimaduras.

A investigadora salienta que, “ademais dos excelentes resultados, esta terapia natural resulta moito máis económica que os tratamentos médicos convencionais. E sen efectos secundarios, fronte ao que ocorre cos tratamentos que se empregan para as doenzas da pel”. En España o seu uso aínda non está moi estendido, mentres que en Alemaña, Francia ou Italia xa é unha terapia habitual para abordar patoloxías diversas.

Os investigadores da Universidade de Vigo, ademais de fabricar os peloides do balneario Isla de La Toja, colaboran con outros balnearios da comunidade e con establecementos termais doutros puntos de España (en particular de Andalucía, Estremadura e Castela-León) e de Portugal.