Expertos médicos aseguran que as persoas con problemas de mobilidade logran unha rehabilitación moito máis rápida cos tratamentos termais

aplicaciones_webDestacan que as augas mineiromedicinais favorecen o movemento das articulacións, melloran a musculatura e a circulación

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos. Marta Arribas, directora médico do balneario Isla de La Toja, abordará as principais aplicacións clínicas da balneoterapia.

A doutora sinala que as augas mineiromedicinais están especialmente indicadas para tratar doenzas do aparato locomotor, tanto reumatolóxicas como musculares, en particular a artrose e a artrite. Así mesmo, “resultan moi beneficiosas para combater afeccións dos aparatos dixestivo, respiratorio, do sistema otorrino, enfermidades da pel e ata trastornos de tipo psquiátrico, posto que as augas teñen un enorme potencial antiestrés” -asegura a doutora-.

No caso do aparato locomotor, Arribas resalta que as augas mineiromedicinais favorecen a mobilización, ao tempo que exercen unha importante acción analxésica e antiinflamatoria. Salienta que fomentan a mobilidade das articulacións, melloran o estado xeral da musculatura e a circulación. Así, a cura termal recoméndase en particular para personas maiores que padecen artrose e para as que sufriron un accidente ou se someteron a unha cirurxía, de cara a activar e acelerar a recuperación do sistema óseo e muscular. “A auga mineiromedicinal axuda a que a rehabilitación sexa moito máis rápida, posto que, como o corpo perde peso dentro da auga, os músculos móvense con maior axilidade” -apunta a doutora-.

Tamén se logran resultados moi efectivos no caso das doenzas vencelladas ao aparato respiratorio e ao sistema otorrino logo dun tratamento termal. “As mucosas hidrátanse, de xeito que o aire pasa mellor e, ademais, favorécese a eliminación da mucosidade”, afirma a doutora, quen apunta que “as augas aconséllanse para tratar bronquites, asma e mesmo para curar as otites tan habituais nos nenos”.

Naqueles balnearios nos que se pode administrar a auga en bebida, resulta moi beneficiosa para problemas do ril, debido á súa acción diurética; para abordar doenzas do fígado e, en xeral, favorece o proceso dixestivo. Os expertos advirten que as doses teñen que realizarse dunha maneira controlada e progresiva, para garantir a asimilación por parte do organismo.

A doutora destaca que os tratamentos termais están contraindicados en procesos agudos, cando hai febre ou logo dunha operación recente. En función do tipo de cirurxía, cómpre agardar entre 3 e 5 meses para que cicatricen as feridas.