Cada vez son máis os médicos de atención primaria que aconsellan a cura termal aos seus pacientes, con independencia da súa idade
- Detalles
- Categoría: Balnearios de Galicia
- Published: Domingo, 28 Abril 2013 23:00
- Visitas: 712
É habitual que os nenos que teñen que operarse por un problema respiratorio acodan primeiro a un balneario para limpar as vías
A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos. Antonio Freire Magariños, director médico do balneario lucense de Augas Santas (Pantón), abordará a trascendencia actual dos balnearios como centros sanitarios.
O doutor explica que cando un paciente chega a un balneario realízaselle un exame médico para valorar, en primeiro lugar, se é apto para recibir balneoterapia. Nesta liña, o doutor Freire sinala que a cura termal está contraindicada en certos casos, como nos procesos infecciosos; insuficiencias nos principais organos vitais como as cardíacas, pulmonares ou renais. E tamén en procesos agudos, cando se padece tuberculose activa ou se se está a recibir tratamento contra un cancro.
O médico do balneario determina que tratamento se debe administrar segundo o tipo de doenza. “Os pacientes xa veñen co diagnóstico doutro facultativo, polo que se trata de ver cal é o seu problema, descartar posibles contraindicacións e pautar o máis conveniente en cada caso” -indica o doutor-. Apunta, ademais, que os balnearios se caracterizan por ser “un espazo interdisciplinario”, onde exercen o seu labor diversos profesionais sanitarios, dende fisioterapeutas e psicólogos ata nutricionistas; todos eles coordinados polo director médico. Cóntase tamén con preparadores físicos, técnicos termais, masaxistas…
O doutor Freire salienta que na actualidade os balnearios actúan como “verdadeiros centros sanitarios”, que non se limitan só a atender as doenzas que afectan á terceira idade, senón que abordan diferentes patoloxías e en todas as idades. Así, asegura que cada vez son máis os médicos de atención primaria que aconsellan a cura termal aos seus pacientes, con independencia da súa idade. “É moi habitual que os nenos que teñen que someterse a unha operación cirúrxica por un problema respiratorio acodan primeiro a un balneario para realizar unha limpeza das súas vías respiratorias” -destaca o doutor-.
“Cada vez existe un maior coñecemento por parte dos facultativos de atención primaria do labor que se realiza nos balnearios. E os alumnos de Medicina de Galicia teñen a oportunidade, a través da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, de achegarse aos centros termais dende o punto de vista sanitario, de xeito que cando exerzan a profesión poderán recomendar e prescribir o tratamento con augas mineiromedicinais aos seus pacientes” -resalta Freire-.
“O problema é que o paciente ten que custear integramente o tratamento no balneario” -manifesta Antonio Freire-. Nesta liña, o doutor lembra que se está a estudar a posible implantación da terapia termal nos servizos do Sergas, polo que no futuro os enfermos poderían beneficiarse da cura termal a través da sanidade pública ou por medio dun sistema de copago.
Os balnearios, escolas de saúde
“Na actualidade os balnearios exercen tamén como escolas de saúde” -afirma o doutor-, quen indica que non se trata só de aplicar as técnicas termais, senón que ademais ensínanse hábitos de vida saudables de tipo dietético ou a denominada escola da espalda, baseada na corrección postural.
“Os médicos e demais profesionais que traballamos nun balneario dispoñemos de moito tempo para ocuparnos dos pacientes, fronte á situación dos facultativos de atención primaria, que apenas teñen dez minutos para atender cada caso. Así, o enfermo pode aproveitar ao máximo a súa estadía no centro termal” -resalta o doutor-. As estadías terapéuticas nos balnearios adoitar ser de entre seis e doce días, polo que, ademais dos tratamentos, os pacientes tamén poden asistir a sesións que lles axudan a levar unha vida sana.